O Mecalia Atlético Guardés xa ten rival na Fase Final da Copa de la Reina. O sorteo celebrado en San Sebastián emparellou ao equipo miñoto nos cuartos de final co Replasa Beti-Onak, un vello coñecido co que xa cairon nos cuartos de final da anterior edición do torneo. O enfrontamento terá lugar no multiusos de Illunbe o vernes 8 de maio.
No mesmo sorteo tamén se estableceron as rutas. O gañador dese enfrontamento disputará as semifinais fronte ao vencedor do duelo entre Rocasa e Granollers. No outro extremo do cadro xogarán Bera Bera fronte ao Aula Valladolid e Elda co Sporting La Rioja respectivamente.
Ana Seabra, na súa derradeira tempada coma adestradora do Guardés, recoñece: “O Beti sempre nos costa moito polo seu equipo e pola súa calidade. Está medrando de verdade. Témoslles moito respeto e tamén unha espiña aí”. Tamén a técnica lusa anticipa que o partido “vaise definir en detalles. A efectividade custounos moito contra elas e na última Copa valeunos a eliminación”.
“Estamos facendo unha boa tempada, mais é o torneo do KO. Ninguén sabe o que pode pasar”, recoñeceu a capitá, María Sancha, que bromea: “estaba mirando o bombo e non quería que me tocase ningún”. Do mesmo xeito ca a súa adestradora, Sancha escribe e confirma esas gañas de sacarse “una pequena espiña” desde a súa derrota copeira fronte “un equipazo, que prepara os partidos dun xeito incrible”.

