Mércores, Febreiro 18, 2026
HomeNewsActualidadeAs Neves renova o sistema de iluminación do Campo de Fútbol Pepe...

As Neves renova o sistema de iluminación do Campo de Fútbol Pepe Capón

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións do campo de fútbol municipal Pepe Capón, no concello das Neves, con motivo das obras de mellora da iluminación que se levaron a cabo grazas a un convenio coa Xunta.

A actuación, que contou cun investimento de preto de 55.000 euros, consistiu na retirada do actual sistema de iluminación do campo de fútbol e na instalación de cinco proxectores LED de 1.000 vatios en cada unha das catro torres de iluminación do campo.

Esta obra permite, non só mellorar a calidade do alumeado desta instalación deportiva, senón que ademais permite un aforro enerxético de máis do 50% con respecto ao antigo sistema.

O delegado territorial explicou durante a visita que “esta actuación é moi importante porque permite actuar en dous aspectos que son clave para a Xunta. Por un lado, na mellora das condicións das instalacións deportivas galegas e por outro na mellora da eficiencia enerxética”.

Reguera asegurou que “os altos gastos correntes son un dos principais problemas aos que teñen que facer fronte os concellos e reducilos significa que os municipios terán á súa disposición un maior orzamento para gastar en actividades que beneficien directamente aos seus veciños e veciñas”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS