As obras de mellora integral do Complexo Deportivo Municipal do Porriño continúan avanzando, coa cuberta das dúas pistas de pádel exteriores e a renovación completa da contorna do polideportivo, nun proxecto cun investimento de case 450.000 euros.
A actuación estrutúrase en dúas grandes liñas. Por unha banda, executarase a cubrición das dúas pistas de pádel exteriores mediante unha estrutura independente que abranguerá tanto as superficies de xogo como as zonas de paso anexas. A solución adoptada permitirá manter o carácter aberto e ventilado da instalación, ao tempo que garantirá protección fronte ás inclemencias meteorolóxicas, posibilitando o seu uso durante todo o ano.
Por outra banda, acometerase unha transformación integral da contorna exterior do complexo. O proxecto inclúe a renovación das zonas axardinadas existentes, a creación de novas áreas verdes mediante xardineiras, a instalación de mobiliario urbano e a execución dun xardín vertical na fachada acristalada da piscina. Este elemento vexetal contribuirá a mellorar a integración estética do edificio e a reducir o impacto térmico, favorecendo así unha maior eficiencia enerxética.
As obras contemplan tamén o acondicionamento do chan do ximnasio do polideportivo e a mellora do teito do pavillón 2, actuacións destinadas a optimizar as condicións de seguridade e confort nunhas instalacións que rexistran unha elevada actividade por parte de usuarios de todas as idades.
O investimento total ascende a 448.968,48 euros, dos que 204.404,30 euros están financiados a través do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID II), mentres que o Concello asume con fondos propios os 244.564,18 euros restantes.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo subliñou que “esta era unha demanda histórica da veciñanza, poder utilizar as pistas de pádel sen depender do tempo. Pero ademais estamos a aproveitar para facer unha mellora integral dun espazo clave para o deporte local, facéndoo máis moderno, máis eficiente e máis agradable”.

