A Dirección Xeral de Saúde Pública vén de actualizar a cifra de casos de Mpox, coñecida como a virola do mono, detectados en Galicia ata o un de febreiro de 2026 e cuxa cifra se sitúa en 12 casos. O primeiro caso notificado iniciou síntomas o 12 de decembro de 2025 e o máis recente o 26 de xaneiro.
Homes de entre 35 e 65 anos
Todos os casos declarados son homes, cun rango de idade de 35 a 65 años. A maioría dos casos, en concreto 10 deles, rexistráronse na provincia da Coruña, sen poder establecer un vínculo común.
O risco xeral desta infección na nosa Comunidade segue a ser moi baixo, pero a Consellería de Sanidade lembra a importancia de seguir unhas recomendacións básicas de prevención e actuación no caso de presentar síntomas compatibles co mpox ou de ter sido contacto estreito dunha persoa diagnosticada.
Enfermidade leve ou autolimitada
A mpox é, na maioría dos casos, unha enfermidade leve e autolimitada. A detección temperá e a colaboración cidadá son claves para evitar a súa transmisión.
Se unha persoa presenta síntomas compatibles, como febre, malestar xeral, ganglios inflamados ou lesións na pel (especialmente vesículas ou pústulas), recoméndase evitar o contacto estreito con outras persoas, incluíndo relacións íntimas, ata recibir valoración sanitaria. Cubrir as lesións cutáneas, se as houber, e extremar a hixiene de mans. Ademais débese empregar máscara se existen síntomas respiratorios.
No caso de ser contacto estreito (persoa que tivo unha exposición directa e prolongada cun caso confirmado, especialmente con contacto físico próximo), hai que vixiar a aparición de síntomas durante 21 días desde o último contacto, así como reducir as interaccións sociais. No caso de aparición de síntomas, contactar de inmediato co sistema sanitario e evitar o contacto con outras persoas.
Cando está indicada a vacinación?
A vacina contra a mpox está dispoñible en Galicia, e pode ser unha ferramenta útil de prevención. Está indicada nas seguintes situacións:
- Persoas consideradas en risco elevado debido á súa situación ou profesión, como aquelas con prácticas de risco ou persoal sanitario exposto. Trátase dunha profilaxe pre-exposición.
- Contatos estreitos dun caso confirmado e que non teñan antecedentes de infección previa. Neste caso trátase dunha profilaxe post-exposición e debe administrarse idealmente ata 4 días despois do primeiro contacto (aínda que se pode ofrecer ata os 14 días se non hai síntomas).

