Xoves, Febreiro 5, 2026
HomeNewsActualidadeGalicia rexistrou en xaneiro unha precipitación media un 98% superior aos valores...

Galicia rexistrou en xaneiro unha precipitación media un 98% superior aos valores habituais neste mes

O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou no mes de xaneiro unha precipitación media un 98% superior aos valores habituais neste período.

En concreto, a precipitación media acumulada na Comunidade para a serie histórica 1961-2026 foi de 290 l/m2, o que, segundo os datos rexistrados en 16 estacións meteorolóxicas representativas, supón case o dobre dos valores climáticos normais. Deste xeito, pode considerarse un mes moi húmido e, de feito, foi o oitavo xaneiro máis húmido desde que hai rexistros.

Estes datos débense a que este período se caracterizou pola continua chegada de borrascas desde o océano Atlántico, sendo FrancisGorettiIngrid e Joseph as que máis afectaron á Comunidade. Así, as dúas últimas motivaron mesmo a activación de avisos vermellos. No caso de Ingrid, os días 22 e 23, foi no mar, mentres que as precipitacións causadas pola borrasca Joseph provocaron a activación dese aviso no interior de Pontevedra por acumulación o día 26. Neste caso foi, ademais, a primeira vez que MeteoGalicia activou un aviso vermello por precipitacións na Comunidade.

Máis polo miúdo, os acumulados máis altos rexistráronse nas serras litorais e, sobre todo, no oeste e suroeste da provincia da Coruña con valores de entre 550 e 700 l/m2. En contraste, a menor cantidade de precipitacións –por debaixo dos 100 l/m2, rexistrouse en zonas de val do leste da provincia de Ourense.

Pola contra, as temperaturas non presentan anomalías moi significativas. A temperatura media para a serie rexional foi de 8,3 grados, 3 décimas por riba do valor habitual segundo os datos rexistrados en once estacións meteorolóxicas representativas. Estes rexistros fan que este mes de xaneiro se poida considerar normal en canto ás temperaturas.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS