As Neves vén de iniciar xa a súa conta atrás para celebrar o seu Entroido de 2026. O Concello confirma, a través das súas canles oficiais, un “gran desfile” cun total de 17 comparsas así como outros eventos cos que poñer o foco no municipio nun dos días máis agardados polos veciños e as veciñas.
O evento terá lugar o domingo día 8 a partir das 16:30 horas. O percorrido oficial levará consigo música, cor e a creatividade propia dos grupos que participan no desfile a través das rúas desta localidade da comarca do condado. O ambiente festivo, na capital do requeixo e a mel, será o protagonista.
Identidade local
O desfile non será o único evento do día nas Neves este domingo 8 de febreiro posto que o broche de ouro chegará co canto das coplas. Participarán Ramiro, o carteiro das Neves e Anita.
Para pechar o gran día do Entroido 2026 nas Neves, a Praza Maor acollerá a “Queima da Velutina“, un acto que marca o fin da xornada festiva. Trátase dun evento trandicional no que se realiza a queima dunha réplica da Vespa Velutina.


