A Xunta activa desde esta madrugada a alerta laranxa por chuvias no interior da provincia de Pontevedra e tamén de madrugada por temporal costeiro no litoral da Coruña e de Pontevedra, estendéndose no mediodía de mañá á Mariña lucense. Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), estará activo desde primeiras horas desta madrugada no interior de Pontevedra un fenómeno meteorolóxico adverso por precipitacións acumuladas en 12 horas de máis de 80 mm, podendo acumularse durante 24 horas máis de 100 litros e mesmo puntualmente 120 litros. Ante as fortes chuvias recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan asolagarse e afastarse dos cursos dos ríos.
Sen actividades no exterior dos centros educativos neste municipios
Debido á alerta laranxa por acumulación de chuvia, a Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender durante toda a xornada de mañá xoves día 5 as actividades no exterior dos centros educativos de 16 concellos da zona Interior de Pontevedra: Agolada, Campo Lameiro, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.
Do mesmo xeito, a Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo as previsións dos órganos preditores, anunciou a suspensión da actividade deportiva federada e do programa Xogade no exterior nos concellos afectados que poden consultarse na web Deporte Galego.
Temporal costeiro
Por outra parte, desde esta madrugada activarase a alerta laranxa por temporal costeiro na costa da Coruña e Pontevedra e a partir do mediodía de mañá tamén no litoral de Lugo por mar combinada do oeste con ondas de ata sete metros e vento do suroeste forza 7 e ocasionalmente forza 8. Por este motivo, a Secretaría Xeral para o Deporte suspende a actividade deportiva no mar, tanto federada como do programa Xogade.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
A Xunta de Galicia aconsella consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

