Martes, Febreiro 3, 2026
HomeNewsActualidadeSalceda prepárase para o histórico "enfrontamento": Esta é a programación do Entroido...

Salceda prepárase para o histórico “enfrontamento”: Esta é a programación do Entroido de 2026

Salceda de Caselas presentou hoxe o seu Entroido 2026, unha cita centenaria onde os barrios da Feira e de Castro Barreiro levan enfrontándose dende hai xa 140 anos, convertendo a Salceda no epicentro entroideiro da provincia de Pontevedra.

Representantes de ámbolos dous barrios acompañaron hoxe ao equipo de goberno na presentación da festa máis representativa e que máis se goza no municipio, onde milleiros de persoas participan activamente nos diferentes desfiles e actos que se organizan.

Unha cita que, como lembrou a Alcaldesa Loli Castiñeira “cumpre con todos os requisitos para ser declarada de Interese Turístico de Galicia, recoñecemento que leva tempo agardando“.

Enfrontamento e segredo histórico

Como cada ano, foi imposible que ningún dos dous barrios desvelase nin dese a máis mínima pista sobre as temáticas que protagonizarán a loita nesta ocasión, reservando o que definen como “información confidencial” para o seu día grande: o martes de Entroido

A rivalidade entre os barrios é sen dúbida a cita destacada do Entroido de Salceda, pero non a única. Os actos comezan xa o venres co desfile escolar que acollerá a máis de 1500 nenos e nenas de 0 a 18 anos. O domingo celebrarase o XXVII Desfile de Carrozas e Comparsas, que aínda coas inscrición abertas acumula xa 11 agrupacións inscritas con máis de 1200 persoas participantes. O martes será a quenda de Castro Barreiro e a Feira co desfile das súas carrozas e comparsas, pero xa o luns quecerán motores coas multitudinarias verbenas en cada un dos seus torreiros de festas. Ademais a programación complétase con actos para os nenos e nenas ou concertos tan agardados como o da Banda Cultural que este ano estará acompañada das Donicelas, o sábado no Auditorio Municipal. Tamén a mañá do domingo acollerá unha importante cita nestas datas, como é a presentación do Rancho de Entroido da Feira acompañado dos tradicionais cabaleiros.

Novidade: I Certame de Fotografía Xank Penabella

Este ano, a novidade na programación é o I Certame de Fotografía Xank Penabella, fotógrafo de orixe ponteareán afincado en Salceda de Caselas que foi, sen dúbida, un referente na fotografía social no noso Concello. O seu obxectivo recolleu milleiros de imaxes de festas, eventos culturais e deportivos e, en definitiva, da vida social de Salceda de Caselas. O Entroido foi un dos eixos centrais da súa fotografía de eventos, con innumerables momentos captados tanto a través de fotografías como de vídeos. A participación estará aberta ata o 28 de febreiro, como recollen as bases que se publicarán nos vindeiros días.

Alex Rodríguez, Concelleiro de Cultura e Festas: “En Salceda xa se respira o Entroido, a festa que máis nos identifica e da que máis gozamos todos e todas. Unha cita que converte ao noso Concello no referente da provincia”.

Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “falan as cifras: arredor de 3500 persoas participando nos tres desfiles, e máis de 30.000 persoas que se achegarán a Salceda durante os días de Entroido. Salceda ten o mellor Entroido da provincia de Pontevedra, e temos todo preparado para que así siga sendo, e para seguir a gozar da nosa festa máis tradicional”.

Programación Entroido Salceda de Caselas 2026

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS