Venres, Xaneiro 30, 2026
HomeNewsActualidadeEste é o novo tema de Fillas de Cassandra: "Sar á fresca",...

Este é o novo tema de Fillas de Cassandra: “Sar á fresca”, o avance do novo álbum

Fillas de Cassandra lanza o sinxelo “Saír á fresca” e abre as portas da casa para airear, “sen pudor e con decisión”, segundo indican desde a compañía, as múltiples formas que adoptará o seu novo álbum, ‘Tertúlia’. O tema, que xa se pode escoitar nas principais plataformas dixitais, conta cun videoclip rodado na súa cidade e no que participan, entre outras persoas, as intérpretes Mireia Oriol, Cris Iglesias e Antonio Durán ‘Morris’. 

“Saír á fresca’ é a carta de presentación do álbum que verá a luz no mes de abril e que producen Çantamarta e as propias María SOA e Sara Faro.  Este primeiro avance, un convite aberto a participar da ‘Tertúlia’ (“veña vente que hai tertúlia / non hai présa pero apura”), debuxa o universo do novo disco de Fillas de Cassandra, tanto a nivel musical -cunha importante expansión da súa linguaxe creativa e na que as bases electrónicas tornan en protagonistas absolutas, acompañadas dunha instrumentación orgánica- coma conceptual: trátase dunha proposta rabiosamente contemporánea e feminista no discurso e na práctica.

Unha praza aberta

‘Tertúlia’ nace como unha praza aberta, un lugar de reunión, de conflito e de celebración. Un punto de encontro no que conflúen ritmos híbridos, xéneros e voces diversas. Neste exercicio de ‘Tertúlia’ que propoñen Sara Faro e María SOA; as voces e o diálogo confúndense, apúranse, crúzanse, compártense. As voces berradas e cantadas toman a palabra e forman comunidade nas pistas coa poética, coa música e coas harmonías corais, fórmula que identifica a Fillas de Cassandra.

Este ‘saír á fresca’, que se pode escoitar desde hoxe, é un avance de todo o que virá, como as primeiras referencias artísticas (Maruja Mallo, Tamara de Lempicka, Gloria Fuertes e moitas máis) que inflúen nesta obra. Unha proposta contemporánea, reflexiva, ambiciosa e vangardista, que acredita a Fillas de Cassandra como a proposta máis destacada da nova escena galega. 

Videoclip en Vigo

O tema acompáñase dun videoclip -dirixido polas propias artistas, Santiago Iglesias e Sergio ‘Steel’- rodado en Vigo, a súa cidade, o pasado mes de decembro. Unha multitude, na que se recoñecen as intérpretes Mireia Oriol (Soy Nevenka), Cris Iglesias (Antes de nós, Eroski Paraíso) ou Antonio Durán ‘Morris’ (1936, Fariña), atópase nunha parada de autobús, tal e como anunciaba o teaser lanzado o pasado 15 de xaneiro por Fillas de Cassandra. Comeza unha viaxe de conversas entrelazadas cuxo destino non é outro que ‘Tertúlia’.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS