O comité de empresa de GKN Driveline de Vigo anuncia a convocatoria de mobilizacións para rexeitar o despido de 72 persoas a través do ERE anunciado pola compañía do sector da automoción. O sindicato chama ao cadro de persoal a participar na asemblea que terá lugar nas instalacións da fábrica este domingo 1 de febreiro ás 11:00 horas.
A marcha posterior desenvolverase baixo o lema “Contra o ERE en GKN, pola defensa do emprego” e arrincará ás 12:30 horas dende a rotonda de San Andrés de Comesaña, diante da empresa, para rematar na Praza de América.
Dende a representación sindical de GKN fan un chamamento á cidadanía de Vigo a sumarse á mobilización “para amosar o seu rexeitamento a un ERE que consideran inxustificado“. “Temos que mandarlle unha mensaxe clara á dirección da empresa e esixirlle á Consellería de Emprego que non aprobe un despido colectivo que non teña o acordo co comité”, sinalan.
Finalmente, lembran que GKN (antiga Indugasa) é un símbolo da industria viguesa e galega con 53 anos de historia e aseguran que non permitirán “o despedimento de ningún compañeiro ou compañeira nesta situación”.

