A Xunta eleva mañá, 30 de xaneiro, a alerta vermella por temporal costeiro no litoral da Coruña e de Pontevedra, mentres mantén a alerta laranxa na Mariña de Lugo. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior xa informou da situación ao 112 Galicia, concellos, deputacións e servizos de Protección Civil.
Segundo a Aemet, o fenómeno adverso de nivel vermello afectará á costa noroeste e oeste da Coruña desde primeiras horas da tarde de mañá, estendéndose ao litoral suroeste coruñés e de Pontevedra. Agárdase mar combinada con ondas de ata nove metros e vento do oeste de ata forza nove.
Debido ás alertas, anunciouse a suspensión da actividade deportiva no mar (tanto federada como do programa Xogade) nos concellos afectados.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, especialmente de diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén se pide extremar as medidas de seguridade en calquera actividade marítima e revisar os cabos e amarres das embarcacións. Aconséllase consultar as actualizacións na web do CIAE 112.

