A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, participou hoxe en Madrid na Comisión de Directores Xerais de Transporte, onde insistiu na demanda de que se celebre a Conferencia Sectorial de Transportes para abordar cuestións clave como o billete único, o estado das infraestruturas ferroviarias e o novo mapa concesional por estrada.
No relativo ao billete único, Fontela destacou a falta de coordinación do Goberno central, denunciando que a medida se deseñou “de costas” ás comunidades e sen acceso aos estudos técnicos. Alertou do risco de xerar desequilibrios financeiros e tensións na prestación de servizos que reduzan os beneficios para as persoas usuarias.
En canto ao estado dos servizos ferroviarios, a directora xeral lembrou o “abandono” do Goberno central ao noroeste ibérico en infraestruturas e conectividade, así como as constantes incidencias rexistradas na rede galega. Así mesmo, cualificou o novo mapa de transporte por estrada como un exemplo “de imposición unilateral e falta de análise das necesidades do rural“.
Por outra banda, Fontela criticou que o Ministerio non atendera as alegacións galegas sobre o Certificado de Aptitude Profesional (CAP). Segundo a Xunta e o sector, a flexibilización excesiva da aula virtual afecta á calidade da formación e pode incrementar o fraude.

