Os senadores do PP de Pontevedra, Pepa Pardo, Nidia Arévalo e José Crespo, solicitan ao Goberno central información sobre as infraestruturas ferroviarias, logo de estar facendo reparacións no tramo Vigo-Ourense e despois do descarrilamento do tren de mercadorías en As Neves.
Pepa Pardo explicou que os senadores pontevedreses rexistraron o 26 de novembro varias preguntas ao Goberno sobre o accidente do sábado 15 de novembro á saída da estación das Neves, no que resultou ferido o maquinista e se ocasionaron graves danos que obrigaron a pechar a circulación entre Vigo Guixar e Ourense ata o 3 de decembro.
Desprendemento de terras
En resposta ás devanditas preguntas, recibida o 29 de decembro de 2025, valórase como posible causa un desprendemento de terras. O Goberno sinala que na liña Ourense-Guillarei-Redondela están a executarse obras de renovación integral adxudicadas por 49 millóns de euros, ademais de estar en marcha a licitación para renovar o tramo Ourense-Guillarei.
Polo que, segundo explicou Pepa Pardo, os senadores populares solicitan saber se foron investigadas outras posibles causas do descarrilamento, se foi analizado o estado da vía e se a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios levará a cabo unha investigación formal do accidente de conformidade coa lei.
Seguridade dos traballadores
Ademais disto, os populares reclaman que o Ministerio certifique que a seguridade dos usuarios e traballadores está garantida na liña Vigo-Ourense. Esixen coñecer que entidade realizou as reparacións, en que estado de execución se atopan os traballos e se o uso da vía é seguro durante as obras.
Pepa Pardo solicita unha resposta urxente a todas as preguntas. “A seguridade dos usuarios e dos maquinistas é fundamental, esiximos respostas claras e contundentes”, indicou a senadora, quen sumou esta reclamación á petición de Alfonso Rueda sobre a situación de todas as vías en Galicia e a baixada de velocidade no tramo Santiago-Ourense.

