O GDR Terra e Auga informa da publicación da nova convocatoria de axudas da Intervención Leader o vindeiro luns día dous de febreiro no Diario Oficial de Galicia.
“Trátase dunha convocatoria de récord ao abeiro do PEPAC 2023 – 2027, que contará cunha das dotacións orzamentarias máis elevadas da historia” aseguran dende o grupo de desenvolvemento. Concretamente, o GDR Terra e Auga, repartirá 1.260.663,70 € en axudas a proxectos que se desenvolvan en Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas, Salvaterra de Miño ou en Salceda de Caselas.
As persoas promotoras poderán presentar solicitudes de axuda ata o 6 de abril do presente ano para proxectos produtivos e xeradores de actividade económica ou para proxectos non produtivos, promovidos por entidades sen ánimo de lucro.
O importe máximo desta liña de axudas é do 50% do investimento, cun límite de 100.000 € de axuda, para proxectos produtivos e de ata o 90% do investimento, cun límite de 55.000 €, para proxectos non produtivos.
Outra das novidades que recollerá esta nova convocatoria é a ampliación do prazo de execución e xustificación a tres anualidades. De tal xeito, as persoas e entidades promotoras poderán levar a cabo o seu proxecto e inversións ao longo de 2026, 2027 e 2028.
Concretamente, o 10% do orzamento deberá estar executado antes do remate de 2026, o 40% antes do 1 de xullo de 2027 e o restante 50% antes do 15 de setembro de 2028.
Para máis información, o GDR Terra e Auga conta cunha oficina de portas abertas para a atención a todas aquelas persoas que teñan en mente a posta en marcha dun proxecto no rural e anima a que contacten no 986 663 329 ou no gdr@gdrterraeauga.gal para obter máis información sobre esta liña de axudas

