Mércores, Xaneiro 28, 2026
HomeNewsActualidadeFolga nos trens: CCOO convoca paros os días 9,10 e 11 tras...

Folga nos trens: CCOO convoca paros os días 9,10 e 11 tras os “graves accidentes das últimas datas”

O sindicato de CCOO en Galicia vén de informar, a través dun comunicado de prensa, que convoca folga para os días 9,10 e 11 de febreiro tras os “graves accidentes ferroviarios ocorridos recentemente, con resultado de vítimas mortais e persoas feridas, xeraron unha profunda preocupación entre o persoal das empresas ferroviarias e volven poñer de manifesto a existencia de problemas estruturais no sector ferroviario”. CCOO segundo indican, “vén denunciando desde hai tempo”.

A organización sindical denuncia varias problemáticas no sector:

  • A falta de persoal en todos os ámbitos do Grupo Renfe, que causa sobrecargas de traballo continuadas e limita a capacidade de resposta ante incidencias de especial complexidade.
  • A externalización cara a empresas privadas de actividades propias do ferrocarril que deberían realizarse con persoal do Grupo Renfe, con formación adecuada e unha planificación coherente co volume de actividade existente.
  • Os problemas de coordinación en situacións de emerxencia, agravados pola insuficiencia de recursos humanos e a fragmentación de tarefas esenciais que xeran tensións operativas, inseguridade na toma de decisións e dificultades para garantir unha resposta adecuada ante situacións complexas.
  • Os ataques á profesionalidade e aos dereitos das persoas traballadoras, como o demostra a filtración de audios internos, entre eles os procedentes do Centro de Xestión de Operacións. Estes feitos supoñen un atentado contra o cadro de persoal, deterioran o clima laboral e comprometen a confianza necesaria para unha xestión responsable e eficaz do sistema ferroviario segundo denuncian desde CCOO.

Desde o sindicato, “esiximos solucións reais, inmediatas e verificables” porque “o noso obxectivo é defender as condicións de traballo, a saúde e a integridade do persoal, así como garantir un ferrocarril público con medios humanos suficientes e unha xestión directa e responsable das súas actividades esenciais”.

Así mesmo, “queremos deixar claro que este sindicato non persegue solucións parciais nin limitadas a colectivos concretos”. CCOO esixirá un acordo global que implique a todos os colectivos do ferrocarril, “porque os problemas que atravesa o sistema ferroviario son transversais e afectan ao conxunto do persoal, desde a operación ata o mantemento, a circulación, a atención a bordo e o resto de actividades que sosteñen o servizo público”.

Protocolo de seguridade

Do mesmo xeito, o sindicato considera imprescindible avanzar na xestión preventiva dos riscos derivados de fenómenos ambientais e situacións extremas. Neste sentido, no ámbito de Catalunya, CCOO acordou un protocolo específico de xestión destes riscos. Cren necesario que ese protocolo sexa desenvolvido e extrapolado ao conxunto do territorio para reforzar a protección das persoas traballadoras e a adecuada prestación do servizo ante este tipo de situacións.

Desde CCOO “levamos moito tempo defendendo unha idea moi clara: o mantemento ferroviario debe ser público, con persoal propio, con cadros de persoal suficientes e cos máximos estándares de seguridade e calidade”. E cando “falamos de mantemento ferroviario referímonos ao conxunto do sistema: da infraestrutura ferroviaria, no caso de Adif, e do material rodante no Grupo Renfe”.

Concentración diante do Ministerio

Neste marco, convocouse para o próximo 3 de febreiro unha concentración diante do Ministerio de Transportes, xunta o resto de organizacións sindicais que integran os Comités Xerais de Empresa do Grupo Renfe e Adif, como primeiro acto unitario de todo o sector ferroviario para “esixir responsabilidades e a adopción de medidas concretas“.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS