Martes, Xaneiro 27, 2026
HomeNewsActualidadeÓbolo renuncia ao Servizo de Axuda no Fogar en Ponteareas tras 68...

Óbolo renuncia ao Servizo de Axuda no Fogar en Ponteareas tras 68 días de folga indefinida

O Concello de Ponteareas levará ao pleno de hoxe martes 27 de xaneiro de 2026 a aceptación da solicitude de renuncia ao contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) presentada pola empresa adxudicataria Óbolo o pasado 16 de xaneiro de 2026. A data de cesamento da actual concesionaria será previsiblemente o 31 de xaneiro de 2026.

O Concello de Ponteareas indica, a través dun comunicado que, “co obxectivo de garantir a continuidade do servizo sen interrupcións, tanto para as persoas usuarias como para o persoal traballador, o Concello recorrerá a un contrato extraordinario de emerxencia coa empresa Atendo, unha empresa da comarca con ampla experiencia e recoñecida traxectoria na xestión do SAF. Deste xeito, o Goberno local asegura “que o servizo se seguirá prestando con total normalidade e calidade”.

O Concello apunta nunha nota de prensa enviada aos medios de comunicación que “esta decisión dá cumprimento ao acordo aprobado en pleno o pasado 24 de outubro de 2025, co voto en contra dos grupos da oposición BNG, PSOE e PC, no que se instaba a solicitar a renuncia voluntaria da empresa concesionaria e a contratar de forma temporal unha nova empresa mentres non se publicase unha nova licitación do servizo”.

O Goberno local actuou “en todo momento con dilixencia, responsabilidade e transparencia para garantir a correcta prestación deste servizo básico, actuación que foi reafirmada pola Fiscalía, avalando así a xestión municipal”, tal e como apunta a administración local.

Na actualidade, o novo expediente atópase moi avanzado, sendo a intención do Goberno local levar a aprobación da nova licitación ao pleno do martes 27 de xaneiro, “se ben esta aprobación queda condicionada á finalización dos informes xurídicos necesarios por parte do persoal técnico municipal”.

27 euros a hora

“O novo contrato suporá un salto cualitativo e cuantitativo sen precedentes”, cun prezo por hora superior aos 27 euros, “unha mellora substancial que permitirá reforzar as condicións do servizo, dignificar o traballo das profesionais e garantir unha atención de máxima calidade ás persoas usuarias“. O Goberno local subliña que “non escatimará esforzos económicos para asegurar que o SAF poida atender á totalidade das persoas con dependencia recoñecida de grao 2 e 3”.

O goberno municipal, liderado pola popular Nava Castro, indica que “cómpre lembrar que, no momento da toma de posesión do actual Goberno municipal, apenas se atendía á metade das persoas con grao 3 e ningunha con grao 2, unha situación que se está a reverter grazas á aposta decidida polas políticas sociais”.

O Concello de Ponteareas “reafirma así o seu compromiso cun SAF forte, estable e de calidade, garantindo a atención ás persoas que máis o precisan e avanzando cara a un modelo de benestar social máis xusto e eficaz”, sentencia.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS