Luns, Xaneiro 26, 2026
HomeNewsActualidadeO profesorado do IES Val do Tea de Ponteareas pecharase no centro...

O profesorado do IES Val do Tea de Ponteareas pecharase no centro para denunciar “os recortes no ensino”

A CIG-Ensino e o STEG retoman o conflito laboral docente con peches rotatorios en distintos centros educativos de todo o país para visibilizar as demandas do profesorado en colexios e institutos, entre os que se atopa o como o IES Val do Tea de Ponteareas.

Así, co obxectivo de “descentralizar aínda máis o conflito” os peches rotatorios realizaranse a partir de media tarde, sobre as 18 horas, nos propios centros de ensino. Serán os martes, mércores e xoves desta semana e da vindeira (dende o martes 27 de xaneiro ata o xoves 5 de febreiro) en centros de Vigo, Cangas, Ponteareas, A Coruña, Cee, Ferrol, Lugo, Monforte, Viveiro, Compostela, Pontevedra, Vilagarcía, Lalín, Ourense e Rianxo.

Trátase dunha medida “para chamar a atención e visibilizar diante das familias e do alumnado as consecuencias da política de recortes da Consellaría e explicar que as demandas do profesorado son as de toda a comunidade educativa” aseguran dende o sindicato.

Os peches darán comezo a partir de media tarde para facilitar a participación da maior xente posíbel e neles prevese realizar asembleas abertas, elaborar material reivindicativo para colgar nos centros e debater sobre futuras accións a levar a cabo.

Á mañá seguinte farase unha acción informativa na entrada ás aulas para trasladar as principais reclamacións do colectivo en materia de atención á diversidade, redución de ratios, recuperación do horario lectivo, impartición de afíns, falta de desdobres ou reforma da FP.

Concretamente, o peche no IES Val do Tea terá lugar o vindeiro xoves 5 de febreiro.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS