A Xunta activa desde esta medianoite a alerta laranxa por nevaradas en distintas zonas das provincias de Ourense, Lugo e Pontevedra e ademais, amplía a nivel vermello a alerta por temporal costeiro no litoral da Coruña e Pontevedra, mentres que na Mariña lucense manterase a alerta laranxa.
Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Suspensión das clases e do transporte escolar
Debido á alerta laranxa por neve decretada polos organismos predictores, a Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender as clases e o transporte durante toda a xornada de mañá venres 23 nos centros educativos e nas escolas infantís de toda a provincia de Ourense e das zonas montaña, sur e centro de Lugo e interior de Pontevedra.
Así mesmo, debido a alerta vermella por fenómenos costeiros, no día de mañá quedan suspendidas as actividades no exterior dos centros educativos das zonas noroeste, oeste e suroeste da provincia da Coruña, na Mariña de Lugo e nas zonas de Rías Baixas e Miño na provincia de Pontevedra.
Os concellos afectados polas distintas suspensións son os seguintes:













Do mesmo xeito, a Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes anunciou a suspensión da actividade deportiva federada e as do programa Xogade pola alerta laranxa por neve e tamén a actividade deportiva no mar polo temporal costeiro. Os concellos afectados segundo as previsións dos órganos preditores poden consultarse na web Deporte Galego.
Segundo os organismos predictores, o fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa por nevaradas comezará esta medianoite con acumulacións de ata cinco centímetros en cotas por riba dos 400 metros e ventiscas, mentres que nalgunhas zonas da provincia ourensá prevense acumulacións de ata 20 centímetros, tamén en cotas superiores aos 400 metros.
Canto ao temporal costeiro, agárdanse ventos de forza 10 e ondas de ata nove metros, mentres que a alerta laranxa se mantén na Mariña lucense por ventos de forza oito e ondas de ata oito metros.
Ante as nevaradas, recomendase evitar as viaxes en automóbil sempre que non sexan necesarias e levar sempre o depósito cheo. Tamén se recomenda usar a roupa e calzado axeitado, evitar que persoas maiores saian á rúa e ter a man lanternas e cadeas.
Respecto ao temporal costeiro, a Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Ademais, recomendase que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

