Xoves, Xaneiro 22, 2026
HomeNewsActualidadeA onda epidémica de gripe segue a rexistrar unha "intensidade baixa" e...

A onda epidémica de gripe segue a rexistrar unha “intensidade baixa” e “tendencia decrecente”

A Consellería de Sanidade vén de publicar, na súa páxina web, o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á terceira semana do ano, que rematou o 18 deste mes, no que se sinala que a actividade gripal en Galicia segue a rexistrar unha intensidade baixa e tendencia decrecente.

Respecto da semana anterior, a taxa de consultas por gripe descendeu un 35,1 % e fica en 47,2 consultas por 100.000 habitantes. O descenso da taxa produciuse en todos os grupos de idade con excepción do de 0 a 4 anos, no que aumentou un 4 %.  O grupo no que se observou unha maior diminución foi o de 60 a 79 anos (41,2 %).

Por áreas sanitarias, a taxa de consultas por gripe descendeu en todas elas con excepción de Ferrol, onde se incrementou un 20,8 %.

Respecto dos ingresos por gripe, na semana tres ingresaron 264 persoas con gripe confirmada, un 29 % menos que na anterior, na que houbera 373 ingresos. A taxa de ingresos no conxunto da poboación foi de 9,7 por 100.000 habitantes. O descenso da taxa observouse en todos os grupos de idade, agás no de 0 a 4 anos no que aumentou e o de 5 a 19, no que permaneceu estable.

No que vai de tempada de gripe notificáronse 3.911 ingresos, a maioría deles (3.900) con virus do tipo A.

A rede de farmacias sentinela que colabora coa Consellería de Sanidade traslada que na última semana as taxas de dispensa de antigripais e de probas de antíxenos descenderon un 39,5 % e un 41,6 %, respectivamente.

En canto á porcentaxe de positividade das mostras estudadas para virus da gripe, na semana tres foi do 15,3 %, o que supón un descenso respecto da semana anterior, no que era do 22,7 %.

Evolución

Segundo os datos reflectidos neste informe, a estimación puntual do modelo de predición suxire que, nas vindeiras dúas semanas, a taxa de consultas por gripe descenda de 47,2 consultas por 100.000 habitantes a 31 e 16,1 consultas nas semanas 4 e 5, respectivamente, polo que, de cumprirse esta predición, acadaríase o nivel basal na semana 5.

Polo tanto, continúa a tendencia decrecente da actividade gripal que, nesta semana, viuse acelerada en comparación coa anterior.

Recomendacións

Malia tendencia decrecente, Sanidade recomenda o uso da máscara aínda que non se teñan síntomas cando se acude a centros de saúde, aos puntos de atención continuada e ás urxencias hospitalarias.

En canto ao resto de estancias dos hospitais, a recomendación do uso da máscara mantense nos servizos que atendan pacientes vulnerables, como son as unidades de coidados intensivos e pacientes críticos, unidades de reanimación, de pacientes transplantados, oncolóxicos e hematolóxicos, unidades de diálise e hospitais de día.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS