Xoves, Xaneiro 22, 2026
HomeNewsActualidadeA desencentralización de Medicina bota a andar coa creación de dous grupos...

A desencentralización de Medicina bota a andar coa creación de dous grupos de traballo en materia xurídica e económica

Transcorridos oito meses desde que a Universidade de A Coruña solicitase de xeito unilateral a implantación dun Grao en Medicina de seu, os reitores das tres universidades galegas e os conselleiros de Educación, Ciencia, Universidades e FP e de Sanidade asinaron na Cidade da Cultura en Santiago o convenio para a descentralización completa de 4º, 5º e 6º do grao, á que se chegará no curso 2029/2029. Unha vez asinado o convenio, procedeuse á constitución da comisión de seguimento, encargada de desenvolvelo, que acordou a creación de dous grupos de traballo en materia xurídica e económica, así como a autorización para incorporar un representante do alumnado do grao á comisión.

O reitor da UVigo, Manuel Reigosa, destacou o complicado do proceso que levou á consecución deste acordo, para cuxa materialización agradeceu a participación de “todos os que tomaron parte na solución a un problema: non aproveitar as capacidades do sistema hospitalario e universitario”. Reigosa alertou que “temos que correr para non perder os prazos, pero ao final teremos servido ben a Galicia e cunha formación mellor para os médicos. Parabéns polo traballo feito”, dixo o reitor da UVigo.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez,  asegurou que “estamos ante un desafío de país e estou seguro que con altura de miras e a complicidade de todos o faremos ben polo ben do ensino de Medicina e de Galicia”. Pola súa banda, o titular de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, agradeceu o traballo desenvolvido por todas a persoas que fixeron posible un acordo, que cualificou de “fito para a historia de Galicia, da universidade galega e para a Facultade de Medicina”, ao tempo que sinalou que é un acordo “bo para Galicia e para os futuros estudantes de Medicina, que terán a súa disposición os mellores recursos que temos para a súa formación”. 

Para o reitor da USC este “foi o reto máis grande que tivemos como Sistema Universitario Galego para a  formación dos futuros médicos en Galicia. Era unha tarefa complicada pero con moita xenerosidade chegamos á mellor formación para a formación dos futuros médicos”, dixo Antonio López, para quen “estamos convertendo a Facultade de Medicina da USC na facultade de Medicina de Galicia”. Mentres, o reitor da UDC, Ricardo Cao, asegurou que o acordo “permitirá ofrecer unha atención máis personalizada ao estudantado, que debe ser a nosa prioridade. Hoxe iniciamos unha nova etapa cun intenso labor,  con calendarios ambiciosos, pero posibles”.

Un acordo a desenvolver nos termos consensuados 

Logo da súa ratificación onte polo Consello da Xunta, os conselleiros de Educación, Román Rodríguez, e de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asinaron un convenio, cunha folla de ruta consensuada que establece a descentralización progresiva de toda a docencia de Medicina nos tres últimos cursos nas tres universidades públicas galegas, cun cronograma de catro anos académicos, o que permitirá que por primeira vez se poida estudar nas tres cidades todo o segundo ciclo deste grao. A tal efecto, crearanse unidades docentes nos complexos hospitalarios universitarios de Vigo e A Coruña, que acollerán, cada unha delas, o 25% do alumnado matriculado no grao de Medicina no curso descentralizado que corresponda, así como ao profesorado que imparta a docencia. Ademais, o 50% das novas contratacións de profesores adscribirase á UVigo e á UDC.

Tras a sinatura do acordo, o conselleiro de Educación asegurou que “agora estamos nunha nova pantalla e toca desenvolvelo nos termos que foron plantexados no seu día”, ao tempo que agradeceu o labor desenvolvido por todas as persoas “que tiveron un papel predominante e preponderante no traballo, que se fixo ata chegar aquí”. Pola súa banda, o reitor da UVigo a preguntas dos xornalistas sobre o posicionamento en contra do acordo das persoas candidatas a Reitoría, lembrou que aínda que “houbo voces a favor do pedimento dun grao propio, logo do acordo aprobado no Consello de Goberno, desde o punto de vista legal estamos atados a cumprir co acordado, polo que non creo que haxa ningún problema, aínda que o camiño e complexo e hai que intentar correr”.

O acordo establece que no ano académico 2028/2029, os cursos 4º, 5º e 6º se impartan totalmente descentralizados nos hospitais universitarios vinculados a cada universidade, manténdose a participación no rotatorio do resto dos hospitais públicos galegos e outros centros das respectivas áreas sanitarias.

Grupos de traballo e integrantes da comisión de seguimento

Na súa reunión de constitución, a comisión de seguimento encargada de desenvolver o acordo para a descentralización do grao en Medicina acordou a creación de dous grupos de traballo para facilitar estas tarefas: un centrando no aspecto técnico e xurídico, en concreto no regulamento das unidades docentes que haberá que crear nas universidades de Vigo e A Coruña para materializar a descentralización; e outro de carácter económico, coa encomenda de estimar as necesidades humanas e materiais para facela efectiva. O conselleiro de Educación asegurou que nesta comisión de seguimento “temos a obriga e a responsabilidade de desenvolver e concretar aqueles eixos principais que se fixaron no acordo que acabamos de asinar”. 

Na comisión de seguimento participan os conselleiros de Educación e de Sanidade,; os reitores das Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña; o secretario xeral de Universidades;  e o xerente do SERGAS. En representación de cada un dos hospitais universitarios actúan Andrés Soto Varela polo Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, Carlos Vázquez Barro polo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e Ana Concheiro Guisán polo Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Así mesmo, forman parte da comisión os vicerreitores de Titulacións: Moisés Canle pola UDC e Alfonso Lago pola UVigo. No caso da USC, asistiu o vicerreitor de Profesorado, Ernesto González, dado que a Vicerreitoría de Titulacións está vacante neste momento polas próximas eleccións na Universidade. Completan a composición o decano Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC, José Martín Carreira, e o da Facultade de Ciencias da Saúde da UDC, Iván de Rosende.

Así mesmo, acordouse a incorporación á comisión de seguimento dun representante do estudantado do grao.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS