O Concello do Porriño vén de celebrar unha reunión informativa dirixida ás asociacións veciñais e entidades sociais do municipio co obxectivo de dar a coñecer en detalle a convocatoria de subvencións do Plan Provincia Comunitaria 2026, impulsada pola Deputación de Pontevedra.
Durante esta xornada expuxéronse os requisitos e o procedemento a seguir para a solicitude destas axudas; lembrouse ademais a documentación necesaria para poder levar a cabo todos os trámites relativos á iniciativa.
A convocatoria permite acceder a subvencións de ata 10.000 euros por entidade, cun importe mínimo de 6.000 euros, podendo cubrir ata o 100 % do investimento presentado. Así mesmo, informouse de que o prazo para a presentación de solicitudes xa está aberto e remata o vindeiro 1 de abril de 2026, animando ás asociacións a iniciar canto antes a preparación da documentación necesaria.
Neste encontro detallouse tamén que a convocatoria está dirixida a asociacións de veciños, federacións, confederacións ou unións de asociacións veciñais, así como a asociacións de mulleres rurais, sempre que estean legalmente constituídas e debidamente inscritas no Rexistro de Asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia.
As axudas están destinadas exclusivamente a investimentos, incluíndo actuacións como obras de mellora de locais sociais, a mellora ou creación de infraestruturas, equipamentos e espazos destinados á actividade das entidades, así como a adquisición de mobiliario e equipamento informático, audiovisual ou específico para o desenvolvemento das súas actividades. Tamén se aclarou que son subvencionables determinados gastos vinculados á tramitación da subvención, ás taxas e licenzas necesarias e aos traballos previos de desbroce ou limpeza cando formen parte dunha obra.

