O Concello de Mos continúa a avanzar na ampliación e mellora da rede municipal de saneamento con novas actuacións no Fondo de Atín e Coutadiña, consolidando «unha das políticas municipais máis destacadas dos últimos anos en materia de infraestruturas básicas».
A actuación de saneamento en Cela, que inclúe o Fondo de Atín, o Camiño do Millón e o Camiño da Pereiriña, cun investimento total de 434.329,45 euros, dá resposta a «unha demanda histórica da veciñanza» e permite «garantir un servizo esencial que contribúe á mellora da saúde pública e ao respecto polo medio ambiente».
Por outra banda, atópanse tamén en fase de execución as obras de saneamento do Camiño da Coutadiña, cun investimento de 146.812,56 euros, que contempla as actuacións necesarias adaptadas ao trazado existente.
Na actualidade, o 88 % das vivendas de Mos —máis de 3.500 fogares— están xa conectadas á rede municipal de saneamento, incorporándose máis de cen novos usuarios durante o último ano, no que se investiron uns 1,2 millóns de euros noutros saneamentos ademais dos xa mencionados como o de Louredo 550, Camiño de Covelo ou Camiño de Ansar.
Pola súa parte, o Concello asegura que iniciará este mesmo ano os proxectos de Amieirolongo, Estivada e Ínsuas, co obxectivo de avanzar tamén no saneamento de Ansar, Camiño da Mina, Costa Redonda e Santa Mariña. Conxuntamente, estas actuacións permitirán que Mos poida acadar en 2026 preto das 4.000 vivendas coa posibilidade de conexión á rede municipal.

