lunes, enero 19, 2026
InicioNewsActualidadeUn accidente de tren en Andalucía xa suma 21 mortos

Un accidente de tren en Andalucía xa suma 21 mortos

Según diversas fontes, hai máis de cen feridos, trinta moi graves

Polo menos 21 persoas morreron e arredor dun cento resultaron feridas, trinta delas en estado grave, no accidente ferroviario rexistrado este domingo no termo municipal de Adamuz, na provincia de Córdoba, segundo confirmou a Garda Civil. O sinistro produciuse tras o descarrilamento de dous trens de alta velocidade, o que provocou o choque entre ambos e que varios vagóns saísen despedidos.

Un dos falecidos é o maquinista do segundo tren implicado. Ademais, varias persoas permanecen atrapadas no interior dos vagóns, algunhas con prognóstico grave, mentres os equipos de emerxencia continúan traballando sen descanso nas tarefas de rescate e evacuación.

O tren afectado da compañía Iryo é o convoi 6189, que cubría o traxecto Málaga–Madrid. Segundo informou a propia empresa nun comunicado, o servizo partira de Málaga ás 18:40 horas e no momento do accidente viaxaban a bordo arredor de 300 persoas. Os feitos producíronse apenas dez minutos despois de iniciar a marcha, nos desvíos de entrada á vía 1 de Adamuz.

Segundo a información facilitada por InfoAdif a través da rede social X, o vagón 6 do tren de Iryo descarrilou e invadiu a vía contigua, pola que circulaba nese momento un tren Alvia que realizaba o percorrido Madrid Atocha–Huelva. Este segundo convoi tamén descarrilou, resultando especialmente afectados os vagóns 7 e 8.

Como consecuencia do sinistro, a circulación ferroviaria entre Madrid e Andalucía permanece suspendida. Os trens que operaban na liña de alta velocidade entre Sevilla e Madrid están sendo redirixidos ás súas estacións de orixe.

Foron os propios pasaxeiros os que deron a voz de alarma ao advertir da existencia de persoas feridas e atrapadas, o que motivou o despregamento inmediato dun amplo dispositivo de emerxencias. Ata o lugar desprazáronse bombeiros, Garda Civil, Policía Local e servizos sanitarios, que seguen traballando sobre o terreo para atender ás vítimas e esclarecer as causas do accidente.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS