lunes, enero 19, 2026
InicioNewsA Xunta dá luz verde ao acordo para a descentralización do grao...

A Xunta dá luz verde ao acordo para a descentralización do grao en Medicina

O Consello da Xunta de Galicia deu hoxe o visto e prace ao acordo entre as consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e FP e Sanidade e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a descentralización do grao en Medicina. O convenio fora xa aprobado polos consellos de goberno das tres institucións académicas e terá vixencia ata agosto de 2029.

Mañá martes constituirase, ademais, a comisión de seguimento do acordo, encargada do seu desenvolvemento, que estará conformada polos conselleiros de Sanidade e Educación, os tres reitores e representantes dos hospitais universitarios galegos: Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) e Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), entre outros axentes implicados.

A folla de ruta consensuada establece a descentralización progresiva da docencia de Medicina nos tres últimos cursos nas tres universidades públicas galegas, cun cronograma de catro anos académicos. Deste xeito, por primeira vez poderá estudarse en A Coruña, Vigo e Santiago todo o segundo ciclo do grao en Medicina, tanto a teoría como a práctica.

O obxectivo é poñer ao servizo da formación dos futuros médicos e da investigación sanitaria todos os «recursos dos sistemas público educativo e sanitario, cunha actuación coordinada e respectuosa coa autonomía universitaria«, segundo sinalan desde a administración autonómica. Co acordo favorécese a participación na docencia do profesorado das universidades da Coruña e Vigo vinculado ás áreas de coñecemento propias do grao en Medicina.

Ademais, ábrese a posibilidade para que profesionais dos hospitais públicos galegos, especialmente aqueles con acreditación para prazas de profesorado universitario, poidan acceder a prazas vinculadas nas universidades galegas, contribuíndo á formación dos futuros especialistas en Medicina.

Novas unidades docentes

Ao final do calendario de implantación do acordo, no curso académico 2028/29, os cursos de 4º, 5º e 6º do grao en Medicina impartiranse de forma totalmente descentralizada nos hospitais universitarios vinculados a cada universidade, mantendo a participación no rotatorio clínico do resto dos hospitais públicos galegos e centros das respectivas áreas sanitarias.

Para iso crearase unha unidade docente no CHUAC e no CHUVI, que acollerán cada unha o 25% do alumnado matriculado no curso descentralizado correspondente, así como o profesorado encargado da docencia. Ademais, o 50% das novas contratacións de profesorado adscribirase ás universidades da Coruña e Vigo.

As universidades da Coruña e Vigo comprométense a non solicitar novos graos en Medicina durante a vixencia deste acordo.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS