jueves, enero 15, 2026
InicioO PaísA CoruñaO DOG publicará dúas novas ordes de axuda nas vindeiras semanas de...

O DOG publicará dúas novas ordes de axuda nas vindeiras semanas de preto de 7,8 M€ para proxectos do sector pesqueiro

A delegada da Xunta, Belén do Campo, mantivo unha reunión de traballo co xerente do GALP Golfo Ártabro Sur, Federico Enrique López, na que analizaron a situación actual do grupo e fixeron balance das últimas convocatorias de axudas destinadas ao desenvolvemento local e ao sector pesqueiro. No encontro estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, María de los Ángeles Vázquez Suárez e pola directora territorial da Consellería de Pesca, María José Cancelo.

O GALP Golfo Ártabro Sur é unha asociación sen ánimo de lucro , cunha xunta directiva integrada por 47 entidades, que fomenta a cooperación entre os diferentes sectores sociais, públicos e privados co obxectivo de promover un desenvolvemento sostible no sector pesqueiro das comarcas do Golfo Ártabro. Desde o ano 2008 traballa para mellorar a calidade de vida das comunidades costeiras, protexer o patrimonio mariñeiro e impulsar a economía local.

Durante o encontro, a delegada destacou que o ámbito territorial deste GALP abrangue todos os proxectos relacionados co desenvolvemento sostible do sector pesqueiro e coas actividades vinculadas ao mar nos concellos de Arteixo, A Coruña, Bergondo, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada. Entre as entidades beneficiarias atópanse confrarías de pescadores e as súas federacións, asociacións profesionais do sector, entidades locais, pequenas e medianas empresas e persoas físicas con capacidade para desenvolver unha actividade económica en Galicia.

Na reunión realizouse tamén balance da convocatoria de axudas aprobada, no Galp Golfo Ártabro, no ano 2025 para proxectos vinculados ao desenvolvemento local e ao sector pesqueiro, cofinanciada pola Consellería do Mar e polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), cun orzamento aproximado de 1,5 millóns de euros. Nesta convocatoria aprobáronse 33 proxectos cun importe cun volume total de investimento movilizado que supera os 2 millóns. Este Galp acadou o maior número de proxectos aprobados en toda Galicia na última convocatoria de axudas. As empresas vinculadas ao mar foron protagonistas nesta edición, xunto coas confrarías da zona, xa que o 100% das entidades que presentaron proxectos resultaron beneficiarias. Esta elevada participación reflicte a capacidade do sector para adaptarse aos novos retos, apostando por un modelo pesqueiro máis forte e resiliente.

No transcurso da reunión, a delegada informou ademais de que a Xunta, a través da Consellería do Mar, publicará nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia dúas novas convocatorias de axudas para proxectos ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro, dotadas con 7.750.000 euros. Trátase de apoios de carácter plurianual, cofinanciados pola Consellería do Mar e polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). Esta orde ten como beneficiarios aos Grupos de Acción Local Participativo que participen nun proxecto destas características, e que concorran ás axudas de maneira individual ou conxuntamente entre eles como unha agrupación de entidades.

A primeira das ordes contará cun importe de 6,9 millóns de euros e corresponde á cuarta edición desta convocatoria. Segundo destacou Belén do Campo, estas axudas contribúen ao obxectivo europeo de promover unha economía azul sostible nas zonas costeiras e de fomentar o desenvolvemento das comunidades pesqueiras e acuícolas, incidindo na mellora das condicións de traballo, na creación de emprego, no reforzo da innovación ao longo da cadea de produción e subministración, no impulso da economía azul e na valorización do patrimonio cultural e medioambiental.

A segunda orde, destinada a proxectos de cooperación interterritorial e transnacional dos GALP, contará cun orzamento de 850.000 euros. Neste caso, é a segunda convocatoria de carácter bianual referíndose a iniciativas que se poden executar nos anos 2026 e 2027.

Neste sentido, a representante do Goberno autonómico animou a entidades, empresas e colectivos do Golfo Ártabro Sur a solicitar estas achegas en canto se publique a nova convocatoria.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS