O Concello de Ponteareas vén de anunciar as novidades da aula CEMIT, ao tempo que lanza os cursos dirixidos a todos os grupos de idade.
Así, co obxectivo de «ofrecer novos servizos á cidadanía», o Concello permitirá o uso libre da aula CEMIT podendo a cidadanía achegarse para utilizar os ordenadores contando co asesoramento da docente da aula.
Na mesma liña, ofrece cursos como o de Estimulación Cognitiva para maiores de 55 anos e o de iniciación ao correo electrónico, iniciación informática, telegram, whatsapp, Google Business e robótica para nenas e nenos de 7 a 14 anos de idade.
O concello adianta que a aula CEMIT de Ponteareas será sede dos exames para obter a certificación galega en competencias dixitais promovida pola Xunta de Galicia e, que certifica o nivel que ten unha persoa para utilizar as tecnoloxías dixitais, tanto a nivel persoal como social e profesional.
Este aula sitúase no Centro de Emprendemento da Praza maior e para inscribirse nos cursos gratuítos as persoas interesadas deberán rexistrarse en https//cemit.xunta.gal.

