O Concello do Porriño informa ás asociacións veciñais e entidades sociais do municipio da apertura do prazo para solicitar as subvencións do Plan Provincia Comunitaria 2026, unha liña de axudas impulsada pola Deputación de Pontevedra destinada a financiar investimentos que contribúan á mellora das infraestruturas, dos equipamentos e dos locais sociais das entidades.
O prazo de presentación de solicitudes xa está aberto e remata o vindeiro 1 de abril de 2026, polo que se recomenda ás asociacións interesadas iniciar canto antes a preparación da documentación necesaria para concorrer á convocatoria.
As subvencións poden cubrir ata o 100 % do investimento presentado, cun importe mínimo de 6.000 euros e un máximo de 10.000 euros por entidade beneficiaria.
A convocatoria está dirixida a asociacións de veciños, federacións, confederacións ou unións de asociacións veciñais, así como a asociacións de mulleres rurais, sempre que estean legalmente constituídas e debidamente inscritas no Rexistro de Asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia.
As axudas están destinadas exclusivamente a investimentos, incluíndo actuacións como obras de mellora de locais sociais, a mellora ou creación de infraestruturas, equipamentos e espazos destinados á actividade da entidade, así como a adquisición de mobiliario e equipamento informático, audiovisual ou específico para o desenvolvemento das súas actividades. Tamén son subvencionables determinados gastos vinculados á tramitación da subvención, ás taxas e licenzas necesarias e aos traballos previos de desbroce ou limpeza cando formen parte dunha obra.
As actuacións deberán realizarse integramente na provincia de Pontevedra e será requisito indispensable que a entidade solicitante sexa titular ou conte cun dereito de uso mínimo de cinco anos sobre os inmobles ou terreos nos que se vaian executar os investimentos.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destaca a importancia desta convocatoria para o tecido asociativo local e animou ás entidades do municipio a presentar as súas solicitudes. “Estas axudas son unha oportunidade moi importante para que as asociacións poidan mellorar os seus locais, renovar equipamentos e poñer en marcha investimentos que repercuten directamente na calidade de vida da veciñanza. Desde o Concello queremos que todas as entidades coñezan esta convocatoria e a aproveiten”, sinalou o rexedor.
Cada entidade poderá presentar unha única solicitude, que deberá tramitarse exclusivamente por vía electrónica, achegando o acordo do órgano competente da entidade e o resto da documentación esixida nas bases da convocatoria, incluíndo a memoria ou proxecto técnico cando resulte necesario.

