O Concello de Salceda de Caselas traballa no estudo das alternativas que ofrezan viabilidade para a futura creación dunha circunvalación que permita mellorar a mobilidade para a veciñanza das zonas da Picoña, Castro Barreiro e A Feira cara a Salvaterra. Os grupos de Movemento Salceda, PSOE e BNG recollían este compromiso dentro do acordo de investidura do ano 2023, polo que dende o equipo de goberno se botou a andar o estudo de posibilidades conxuntamente cos grupos de esquerdas da corporación.
Así, levouse a cabo a primeira reunión de traballo coa empresa encargada do estudo, á que asistiron ademais da Alcaldesa, Loli Castiñeira, e o Concelleiro de mobilidade, Marcos Troncoso, o arquitecto municipal, Rubén Martín e os voceiros do BNG e o PSOE, Salustiano Guerra e Xurxo Gregorio respectivamente. A empresa redactora puxo sobre a mesa as diferentes posibilidades de enlace, analizando a posible viabilidade de cada unha delas, e establecéronse os criterios cos que se traballará na proposta definitiva así como os condicionantes a cumprir.
«Con estas propostas», din dende o goberno local, «búscase facilitar a mobilidade dos mencionados barrios, ao
mesmo tempo que se libera de carga de tráfico o casco urbano, que se vería tamén claramente beneficiado con este proxecto». Dende o Concello de Salceda estúdianse tamén as posibilidades de financiación as que se podería recorrer á hora de facer realidade a proposta definitiva.
Ao mesmo tempo, o Concello vén de encargar tamén o estudo de mellora do enlace de acceso á PO-510 no Alto da Brava, tras o acordo tomado tamén polos tres grupos de esquerdas. «Trátase dunha zona perigosa que precisa dunha remodelación, polo que se traballa no estudo de alternativas para poder remitirlle a mellor proposta á Axencia Galega de Infraestruturas, dependente da Xunta de Galicia, titular da PO-510» asegura a alcaldesa, Loli Castiñeira.

