O proxecto de voluntariado ‘Stop cancro de pel en persoas con albinismo’ no que participan estudantes da Universidade de Santiago así como da UDC, en colaboración coa asociación África Directo, foi seleccionado entre os 20 finalistas que optarán aos XIII Premios ao Voluntariado Universitario que concede a Fundación Mutua Madrileña. Os gañadores daranse a coñecer en febreiro.
A iniciativa céntrase na prevención e tratamento do cancro de pel en persoas con albinismo en Mozambique, principal causa de morte no país entre as persoas con esta patoloxía, cuxa esperanza de vida apenas alcanza os 30-40 anos. A falta de acceso a protectores solares, roupa axeitada ou atención médica especializada agrava esta situación. Ademais, as persoas con esta enfermidade sofren discriminación, exclusión social, violencia e falta de acceso ao sistema sanitario e educativo, debido á estigmatización e a falta de recursos.
A través deste programa, que combina asistencia médica, formación e sensibilización cidadá, os voluntarios universitarios realizan campañas médicas con especialistas en dermatoloxía para facilitar a diagnose e o tratamento dos pacientes, distribúen protectores solares entre a poboación afectada e participan en obradoiros de sensibilización comunitaria para acabar coa discriminación deste colectivo.
Esta iniciativa foi seleccionada entre un total de 90 proxectos de voluntariado nos que participan máis de 1.500 estudantes de 65 universidades españolas en colaboración con 72 ONG.
50.000 euros en axudas
A Fundación Mutua Madrileña destinará 50.000 euros ás oito iniciativas gañadoras desta edición: 15.000 euros para o proxecto ganador, seis segundos dotados con 5.000 euros cada un e 5.000 euros para a iniciativa recoñecida na categoría Universidade Solidaria que distingue o mellor proxecto de voluntariado promovido desde o ámbito universitario.
Con estes galardóns, que a Fundación impulsa desde hai trece anos, búscase apoiar, recoñecer e dar visibilidade ao compromiso social e ao labor solidario do estudantado universitario en España.

