viernes, enero 9, 2026
InicioNewsActualidadeOurense contará co primeiro refuxio climático urbano de Galicia

Ourense contará co primeiro refuxio climático urbano de Galicia

A Xunta investirá un total de 340.000 euros na execución dunha serie de actuacións que permitirán crear en pleno centro da cidade de Ourense o primeiro refuxio climático urbano de Galicia, un espazo verde resiliente que permita á cidadanía atopar un lugar no que protexerse de futuras vagas de calor.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, veñen de asinar un convenio de colaboración que permitirá levar a cabo esta actuación, que será a terceira e última fase do proxecto impulsado na capital ourensá hai máis dun ano.

En concreto, tal e como explicou a responsable autonómica, o proxecto previsto ten como fin «artellar un corredor verde lineal entre os extremos norte e sur da avenida Otero Pedraio, que é un dos principais eixos de comunicación da cidade e actualmente carece de zonas de arborado consolidado». Para logralo, instalaranse xardiñeiras e reacondicionaranse varias illetas, entre outras actuacións que aportarán sombreado natural e reducirán a impermeabilidade do solo na zona.

Grazas a estes traballos, que se executarán ao longo de 2026, a conselleira explicou que se estima que se «logrará reducir en torno a 3º a temperatura superficial nesta zona», mitigando polo tanto o chamado efecto illa de calor e convertendo a avenida ourensá nun refuxio urbano para a poboación máis vulnerable ante episodios extremos.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS