A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé
Merelles, veñen de asinar un convenio de colaboración por importe de 200.000 euros para definir o trazado definitivo do Camiño do litoral -que unirá a Galicia costeira de norte a sur, desde Ribadeo ata Tomiño, a pé, e desde Ribadeo ata Tui, en bicicleta- e iniciar os traballos para a súa sinalización.
O acordo asinado inclúe distintas accións como a supervisión, validación e modificación, no seu caso, da proposta de trazado definitivo da senda, a elaboración do proxecto técnico de sinalización normalizada, a licitación da execución e instalación da sinalización -prevista no primeiro trimestre deste ano- e o control do cumprimento da súa correcta execución e instalación.
A previsión é que o Camiño do litoral conte con 52 etapas que suman máis de 1.300 quilómetros, converténdose na antesala doutras actuación que o Executivo galego está a preparar de cara ao vindeiro Xacobeo 2027. O fin último, explicou Ángeles Vázquez, é que se trate dun camiño vivo que permita desfrutar, a pé ou en bicicleta, da costa galega e coñecer os tesouros que agocha.
Xosé Merelles, pola súa banda, eloxiou a colaboración asinada coa Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que “dá continuidade ao traballo iniciado o ano pasado desde Turismo de Galicia a través dun acordo coa Fundación Galicia Sustentable que deu lugar, á súa vez, á proposta de trazado e de sinalización ao longo dos máis de 1.300 quilómetros que se inclúen neste itinerario”.

