O Concello do Porriño vén de anunciar unha actualización da estrutura do Goberno municipal coa finalidade de reforzar áreas clave e optimizar a capacidade executiva ante a chegada de proxectos estratéxicos financiados con fondos europeos, entre eles o PAI cun investimento global de preto de 11 millóns de euros.
Un dos principais axustes é a creación da Concellería de Saneamento, Servizos Rurais e Patrimonio Parroquial, que asumirá Marcos Martínez e que se coordinará en parte con outra nova área, a de Promoción da Identidade, Transformación dixital e Goberno Aberto a cargo de Bienvenido Estévez que continuará levando tamén Eventos e Festexos. O alcalde explicou que o obxectivo é dar un impulso adicional a un servizo esencial no rural, onde o Concello mantén obras continuas de ampliación da rede.
Outro eixo fundamental desta nova estrutura é a reorganización dos servizos sociais municipais, aos que se destinarán no vindeiro exercicio unha maior inversión, superando os dous millóns de euros ao ter en conta a dúas novas escolas infantís e centro de día de Atios.
Estes dividiranse agora en dúas áreas especializadas para ofrecer unha atención máis eficaz e adaptada ás necesidades da veciñanza. A nova Área de Atención á Vulnerabilidade e Programas de Emerxencia, dirixida por Rosario Costas, centrarase na prevención e na resposta ás situacións máis urxentes. Pola súa banda, Bárbara Troncoso quedará á fronte da Área de Atención Cidadá, Asistencia Domiciliaria, Coidados e Benestar, reforzando o Servizo de Axuda no Fogar, os programas de envellecemento activo, a saúde comunitaria e a atención directa. “Con esta reestruturación gañamos eficacia, coordinación e capacidade para chegar mellor ás persoas”, explicou o alcalde.
A área de Emprego e Formación será asumida por Teresa Veloso, quen pasará a ocupar a dedicación exclusiva vacante trala xubilación de Rosario Costas. O obxectivo é fortalecer os programas de inserción laboral, a formación profesional e as novas competencias dixitais, nun momento no que o Porriño se prepara para importantes proxectos ligados ao desenvolvemento económico, no que se acondicionarán novas aulas de formación homologadas e salas de formación dual.
Así mesmo, o alcalde informou de que, debido á baixa por maternidade da concelleira de Urbanismo, Promoción e Xestión de Vivenda, Medio Ambiente e Mercados, Antía Carrera, estas áreas serán asumidas temporalmente polo concelleiro de Industria, Contratación e Patrimonio, Carlos Martínez, garantindo deste xeito a continuidade e o normal funcionamento de todos os servizos municipais durante este período.
O rexedor destacou que esta reestruturación do equipo de goberno local «non supón un maior gasto público, xa que se manteñen as mesmas dedicacións exclusivas e parciais e tódolos concelleiros conservan competencias».

