A Consellería de Sanidade vén de publicar, na súa páxina web, o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á semana 52 do ano (do 22 ao 28 de decembro), no que sinala que a actividade gripal en Galicia rexistra unha intensidade baixa con tendencia decrecente.
Respecto da semana anterior, rexístrase un descenso na taxa de consultas por gripe en atención primaria dun 22,7 %.
Así, esta taxa sitúase en 80,2 consultas por cada 100.000 habitantes. O grupo coa maior taxa de consultas continúa a ser o de 0 a 4 anos (186,7 consultas por 100.000 habitantes), seguido polo de 5 a 19 anos con e 104,6 consultas por 10⁵ habitantes.
Ingresos hospitalarios en Galicia
No que atinxe ás áreas sanitarias, a taxa de consultas foi inferior en todas elas respecto da semana anterior.
En canto aos ingresos hospitalarios, na última semana ingresaron 343 persoas con gripe confirmada, un 10 % menos que a pasada semana (383 ingresos).
O descenso na taxa de ingresos observouse na maioría dos grupos de idade, a excepción dos nenos de 0 a 4 anos nos que aumentou un 124,5 %, volvendo a experimentar taxas similares ás de semanas previas. Ademais, o grupo de 80 e máis anos representa a taxa de ingresos máis elevada con 64,8 ingresos por 100.000 habitantes.
Por áreas sanitarias
Por áreas sanitarias, a taxa de ingresos descendeu na meirande parte delas agás na de Pontevedra e O Salnés e na de Vigo, onde se incrementou un 9,6 e un 8,5 % respectivamente,
No que vai de tempada da gripe notificáronse 2.813 ingresos, a maioría deles con virus tipo A.
A rede de farmacias sentinela que colabora coa Consellería de Sanidade traslada que na última semana as taxas de dispensa de antigripais e de probas de antíxenos aumentaron un 24,2 % e un 5,2 %, respectivamente.
Malia tendencia decrecente, Sanidade recomenda o uso da máscara aínda que non se teñan síntomas cando se acude a centros de saúde, aos puntos de atención continuada e ás urxencias hospitalarias.
En canto ao resto de estancias dos hospitais, a recomendación do uso da máscara mantense nos servizos que atendan pacientes vulnerables, como son as unidades de coidados intensivos e pacientes críticos, unidades de reanimación, de pacientes transplantados, oncolóxicos e hematolóxicos, unidades de diálise e hospitais de día.

