lunes, diciembre 29, 2025
InicioNewsO PaísA Xunta detecta catro novos focos de gripe aviaria en aves silvestres...

A Xunta detecta catro novos focos de gripe aviaria en aves silvestres nos concellos de Tomiño, Ribeira, Ares e Oleiros

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de catro exemplares de aves silvestres afectados por influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP), resultado confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).

Así, trátase de catro gaivotas patiamarelas (Larus michahellis) atopadas no municipio de Tomiño, en Pontevedra, e trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático de Cerdedo-Cotobade; e tres exemplares atopados nos municipios de Ribeira, Ares e Oleiros, na Coruña, que foron trasladados ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros, dependente da mesma Consellería.

As aves foron mostrexadas para proceder á análise laboratorial, eliminándose os cadáveres conforme á normativa en vigor. Con estes novo focos, son 22 os confirmados en aves silvestres na comunidade no ano 2025. Cómpre lembrar que, polo de agora, non se rexistrou ningún caso en aves de curral en Galicia, polo que desde a Consellería do Medio Rural lánzase unha mensaxe de tranquilidade e de precaución.

Con respecto á situación en España, no actual período de vixilancia anual (desde o primeiro de xullo de cada ano), o número de focos en aves silvestres notificados por España ascende a 147 (149 se consideramos o período desde o 1 de xaneiro), un número moi elevado comparado cos datos de anos anteriores. A situación en Europa tamén reflicte un incremento considerable no número de focos nos últimos meses. 

Medidas preventivas en toda España

Esta situación epidemiolóxica é a principal razón, xunto coa migración estacional das aves silvestres e o descenso das temperaturas nesta época do ano, que motivou a adopción das medidas preventivas por parte do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación aplicables en todo o territorio español desde o pasado 13 de novembro, co obxectivo de evitar o contacto directo ou indirecto das aves domésticas coas aves silvestres de calquera especie.

Dada a relevancia do sector avícola en Galicia, e tendo en conta as actuais circunstancias, a Consellería do Medio Rural insiste na necesidade de extremar as medidas de bioseguridade das explotacións avícolas, tanto das industriais como das familiares, especialmente as destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como intensificar a vixilancia das aves domésticas e silvestres, comunicando de inmediato aos Servizos Veterinarios Oficiais calquera sospeita da enfermidade. No caso das aves silvestres esta comunicación pódese realizar a través do teléfono de atención á cidadanía 012.

Cómpre lembrar que o serotipo vírico detectado (H5N1) ten demostrado un escaso carácter zoonótico (contaxio a humanos), aínda que por un principio básico de bioseguridade, recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e comunicar o feito aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS