O Bloque Nacionalista Galego vén de anunciar, a través dun comunicado de prensa, que a Executiva Nacional decidiu “na súa xuntanza do 15 de decembro a expulsión do concelleiro de Moraña, Rubén Fernández Monteagudo, por causa dunha acusación de violencia machista da que se tivo coñecemento o día anterior, domingo 14 de decembro”. A denuncia, segundo os nacionalistas, foi comunicada por unha persoa do entorno persoal da vítima.
Neste contexto, o BNG, o grupo líder da oposición en Galicia, decidiu “actuar de forma inmediata” e decidiu “de xeito únanime” comunicar a suspensión de militancia e a solicitude de dimisión e devolución da súa acta como concelleiro na localidade de Moraña á persoa afectada pola acusación, “que no momento dos feitos non tiña ningún cargo, nin responsabilidade política algunha dentro da organización”. Así mesmo, acordou, tamén de maneira unánime, poñerse en contacto coa vítima para trasladarlle “o total e rotundo apoio do BNG, expresarlle a disposición a asumir as súas indicacións á hora da comunicación pública deste asunto que, na medida do posible, serían asumidas en aras de protexer o seu dereito á intimidade e privacidade”.
Na nota de prensa enviada aos medios, os nacionalistas apuntan que “a decisión tómase a pesar de o BNG non ter recibido denuncia formal a través da canle interna habilitada pola organización, que chegou verbalmente por unha persoa do entorno da vítima e motivou a reacción inmediata da dirección do Bloque”.
Así, os nacionalistas insisten en que a formación reafírmase “na defensa dunha política de tolerancia cero coa violencia machista, veña de onde veña e sexa quen sexa a persoa acusada, e anima a calquera vítima de violencia de xénero a denunciar, sucederan cando sucederan os feitos, porque ningún caso debe quedar impune”.
Protocolo contra as violencias machistas
A formación nacionalista informa tamén de que conta cun Protocolo contra as violencias machistas en vigor desde 2021, a través do cal calquera militante pode presentar unha denuncia, protocolo que está a disposición publica na portada da web da organización, que foi remitida por correo a toda a militancia, remisión que ademais se fai de xeito periódico para asegurar a súa difusión, e protocolo que está en lugar destacado en todas as sedes do BNG. A día de hoxe, ese protocolo non se activou nunca“.
Ademais, conta cunha canle de denuncia, neste caso aberta a calquera persoa, militante ou non, na que deixar denuncias de calquera asunto, incluído tamén o da violencia de xénero.
Eleccións 2023 en Moraña
Nas eleccións municipais do 2023, o Bloque Nacionalista Galego conseguiu 3 concelleiros con 787 votos. O Partido Poppular é quen ostenta o bastón de mando do Concello ao conseguir a maioría absoluta con 6 edís e 1.275 apoios.

