Mércores, Xaneiro 28, 2026
HomeNewsO PSdeG rompe con Tomé tras as acusacións de acoso sexual e...

O PSdeG rompe con Tomé tras as acusacións de acoso sexual e anuncia unha xestora en Lugo

O Partido Socialista de Galicia anunciou este venres a desvinculación total con José Tomé do PSdeG tras coñecerse as graves acusacións por presunto acoso sexual. En coordinación coa dirección federal do PSOE, o partido confirmou que Tomé solicitou a suspensión de militancia, dimitiu como presidente da Deputación de Lugo e abandonou de forma inmediata todos os grupos socialistas, unha decisión que a formación considera “obrigada ante a gravidade dos feitos“, tal e como indican os socialistas nun comunicado enviado aos medios de comunicación.

O PSdeG reiterou a súa “tolerancia cero” fronte a calquera conduta machista, expresou o seu apoio ás vítimas e pediu respecto mentres avanzan as investigacións do Órgano contra o Acoso. Ademais, o partido propoñerá á Executiva Federal o nomeamento inmediato dunha comisión xestora na provincia de Lugo “para garantir a estabilidade orgánica tras a crise aberta”.

Nunha nota de prensa, os e as socialistas de Galicia indican que “tal e como adiantou a secretaria de Organización do PSdeG esta mesma mañá, as informacións sobre presunto acoso sexual en Lugo non só nos producen tristura, senón repugnancia, e xa están sendo investigadas con todas as consecuencias” e que “o Partido Socialista vai chegar ata o final“.

“Apoio ás víctimas” e “tolerancia cero”

Neste contexto, insisten en que “vaia por diante o noso apoio ás vítimas de calquera tipo de conduta machista, como sempre fixemos no noso partido”. Todas elas contan “co noso afecto, respaldo e solidariedade” porque, segundo aseguran, “somos o partido que sempre deu pasos fronte á desigualdade, caia quen caia. Tolerancia cero”.

Desde hoxe José Tomé xa non ten ningunha vinculación co Partido Socialista. O que, ata o de agora, ostentaba o cargo de presidente da Deputación de Lugo pediu a súa suspensión de militancia e anunciou a súa dimisión como presidente do ente provincial, así como o seu abandono inmediato dos grupos socialistas. “É o que tiña que facer. É o que debía facer e é o que lle esixiu o partido que fixese, debendo acompañalo coa entrega das súas actas“.

“Non consta”

Os e as socialistas de Galicia indican que “como xa se trasladou onte, non temos coñecemento de ningunha denuncia na canle contra o acoso porque non podemos telo, ao garantir o anonimato o protocolo que activa o partido“. Por iso, “neste momento e coa información da que dispoñemos, pedimos respecto para a vítima e confiamos na investigación do Órgano contra o Acoso”.

A dirección do Partido Socialista en Galicia insiste en que “ante calquera conduta machista e en calquera contexto sempre tivo e terá a mesma resposta: apoiar ás vítimas e animalas a denunciar”.

Precisamente, “para facilitar ese dereito e crear un entorno seguro que anime ás vítimas a denunciar, o noso partido habilitou unha canle específica que garante a confidencialidade, a intimidade e o anonimato das mulleres. Unha ferramenta que, ademais, permite ao Órgano contra o Acoso investigar e actuar con todas as garantías e independencia”.

O Partido Socialista en Galicia proporá agora á Executiva Federal o nomeamento inmediato dunha comisión xestora na provincia de Lugo.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS