miércoles, diciembre 10, 2025
InicioNewsGalicia reivindica a AP-9 libre de peaxe como "elemento integrador e clave...

Galicia reivindica a AP-9 libre de peaxe como «elemento integrador e clave para a competitividade» do noroeste

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, reivindica, tras o ditame da Comisión Europea,  a AP-9 libre de peaxe como “elemento integrador e clave para a competitividade” do Noroeste peninsular. Allegue participou, xunto aos seus homólogos de Asturias e Castela e León, no encontro de traballo celebrado hoxe en Santiago promovido pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), no que os tres territorios amosaron a súa unión en demanda do rescate das autoestradas e a liberalización das peaxes.

A conselleira incidiu en que cando Galicia esixe, tras o ditame da Comisión Europea, o rescate da AP-9, “non o fai unicamente en beneficio propio; faino por todo o Noroeste, por España e por un modelo de país onde todos os territorios teñan as mesmas posibilidades de avanzar”.

Allegue contrapuxo na súa intervención a política “de rigor e responsabilidade” da Xunta en materia de infraestruturas, con planificación e orzamentos (263M€ para o vindeiro 2026), fronte as “débedas pendentes” do Estado neste eido con Galicia e o silencio do Goberno central ante as “demandas conxuntas” das tres comunidades.

“O Noroeste peninsular -sinalou-ten un potencial enorme e Galicia está a facer a súa parte. Investimos, planificamos, presupostamos e executamos. Pero para que o Noroeste avance unido, forte e competitivo, é imprescindible que o Estado tamén cumpra a súa parte”.

A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta puxo o foco na “fronte común”, impulsada por Galicia, e á que se unen Asturias e Castela e León para reclamar a través de accións conxuntas o rescate e a liberalización das peaxes das autoestradas AP-9 e AP-66. “É importante -indicou- escenificar o feito de que non imos permitir que se poña en risco o crecemento das nosas respectivas comunidades autónomas”.

Incidiu en que a xestión da autoestrada AP-9 por parte do Estado “ten sido nos últimos anos claramente prexudicial para o interese xeral de Galicia” e mentres noutros territorios estanse a reverter autoestradas de peaxe, a comunidade segue a ver como o Goberno central nega a transferencia do viario, solicitada desde hai 16 anos e cun debate bloqueado no Congreso en 45 ocasións e, así mesmo, “ningunea” a solicitude do rescate da autoestrada que reclama a Xunta.

Apuntou que a Xunta ten elaborado un estudo sobre o custe deste rescate, que ascendería a 2.356M€, unha cantidade similar ao custo das bonificacións ata o fin da concesión, que foi trasladado ao Ministerio e ante o que tamén hai silencio por parte da Administración estatal. Ademais, o estudo incide tamén nos beneficios que produciría este rescate no transvase á autoestrada de tráficos de estradas convencionais.

Expediente

Ademais, ante o escenario aberto tralo ditame da Comisión Europea sobre as prórrogas da concesión da autoestrada, a Xunta reivindicou que o Goberno central aproveite a oportunidade e proceda ao rescate. Así mesmo, a conselleira avanzou que se o Goberno central non traslada antes de que finalice o ano o contido do expediente deste ditame da CE, a Xunta “valorará todas as opcións previstas legalmente para que se cumpra con esta obrigación”.

“Galicia teno claro: a solución só pode pasar polo rescate e a eliminación das peaxes, pero ata o momento o Estado no se ten pronunciado”. Neste senso, Allegue lembrou que ata en 8 ocasións a Xunta ten solicitado unha reunión co ministro Óscar Puente para abordar a xestión da AP-9, sen resposta.

Outras demandas

Por outra banda, a conselleira lembrou na súa intervención as reiteradas demandas da Xunta ao Goberno central en materia de autoestradas, citando os casos das “débedas pendentes” que segue a ter con Galicia para completar a A-54 Lugo-Santiago, a A-56 Lugo-Ourense ou a A-76 para unir Ourense e Ponferrada, entre outras “promesas incumpridas das que queremos sentarnos a dialogar e coñecer”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS