O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presenta as Food Trucks: Sabor Rías Baixas, tres furgonetas que percorrerán os 61 concellos da provincia para dar a coñecer as festas gastronómicas da provincia, a calidade dos seus produtos e a riqueza cultural e patrimonial dos concellos que as acollen. “Damos un novo paso adiante no camiño da diversificación da nosa oferta turística, na descentralización das actividades en todos os concellos e na aposta clara por un dos grandes atractivos: as festas gastronómicas”, resumiu o mandatario provincial para dar a coñecer os detalles desta novidosa iniciativa nun acto con alcaldes de distintos concellos da provincia e profesionais do sector na entrada do Pazo provincial.
Cando e onde?
A partir do 28 de xaneiro, tres furgonetas equipadas con cociña iniciarán tres rutas pola provincia. Unha percorrerá o sur, con saída desde Vigo e remate en Gondomar o 19 de abril despois de pasar por Mos, Ponteareas, Mondariz, Mondariz-Balneario, A Cañiza, Crecente, Arbo, As Neves, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas, O Porriño, Tui, Tomiño, A Guarda, O Rosal, Oia, Baiona e Nigrán. Outra partirá desde O Grove para percorrer o centro da provincia visitando os concellos de Sanxenxo, Meaño, Meis, Poio, Barro, Pontevedra, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Ponte Caldelas, Marín, Bueu, Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes e Covelo, onde rematará a ruta o 19 de abril. A terceira, con saída desde Rodeiro, percorrerá o norte con escalas nos concellos de Dozón, Agolada, Lalín, Vila de Cruces, Silleda, Forcarei, A Estrada, Campo Lameiro, Cuntis, Pontecesures, Valga, Caldas de Reis, Catoira, Vilagarcía, Portas, Moraña, Vilanova, A Illa e Cambados, para rematar o 27 de abril en Ribadumia.
“Cada food truck estará como mínimo un día en cada un dos concellos e ofrecerán como mínimo un prato inspirado en cada unha das 25 festas gastronómicas de interese turístico que temos na provincia”, explicou o presidente sobre un proxecto que prevé repartir, de xeito gratuíto, máis de 300 degustacións ao longo dos máis de tres meses que durará a actividade que ofrecerá tamén información sobre a data e os lugares nos que se celebra cada unha das festas.
“Unha nova demostración da aposta da Deputación por unha oferta turística diversa e de calidade coa que pretendemos atraer visitantes en tempada baixa, por un sector máis forte, que se reflexa no orzamento do ano 2026, que sube nun 17 % e nos leva por riba dos 7M€; e polos 61 concellos da provincia, que vai en liña da multipremiada campaña ‘Cando volves’ que tanto éxito está a ter”, sinalou o dirixente na presentación dun programa no que tamén participou o deputado de turismo, Jesús Vázquez Almuíña; o presidente do Cluster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal; e o alcalde de Lalín, José Crespo; en representación dos rexedores dos concellos da provincia. “Ofreceremos un numero moi importante de degustacións en todos os concellos da provincia poñendo en valor os produtos que temos desde a costa ao interior”, engadiu o responsable de Turismo do goberno provincial.
Para rematar o acto, o presidente Luis López reafirmou o compromiso da Deputación para seguir construíndo un destino sustentable e descentralizado en estreita colaboración cos profesionais do sector. Para degustar o sabor das Rías Baixas e descubrir os atractivos dos 61 concellos da provincia, o mandatario provincial convida “a todo o mundo a que se achegue a estas food trucks”.
Toda a riqueza gastronómica da provincia viaxa nas Food Trucks
As festas gastronómicas representadas nas elaboracións que se ofrecerán nestas food trucks están recoñecidas como festas de Interese Turístico e se celebran ao longo de todo o ano en concellos de todos os recunchos da provincia.
A comarca do Deza, Tabeirós e Terra de Montes está representada pola Festa do Salmón da Estrada, a Festa do Galo de Curral de Vila de Cruces, a Festa da Empanada de Bandeira de Silleda e a Feira do Cocido de Lalín.
Da comarca do Salnés, están a Festa da Anguía e Mostra da Caña do País de Valga, a Festa da Vieira de Cambados, a Festa do Mexillón e Berberecho de Vilanova de Arousa, a Festa da Ameixa de Carril de Vilagarcía de Arousa, a Festa da Exaltación dos Mariscos do Grove e a Festa do Viño Albariño de Cambados.
Na comarca de Caldas, encóntrase a Festa do Lacón con Grelos de Cuntis e a Festa do Carneiro ao Espeto de Moraña. Da comarca de Pontevedra e do Morrazo, conta con pratos da Festa do Caldo de Mourente e a Festa da Troita de Ponte Caldelas, así como a Festa Encontro-Degustación do Millo Corvo de Bueu.
Da comarca de Vigo, as festas da Ostra de Arcade e do Choco de Redondela. Da comarca do Baixo Miño, poderase degustar a Festa da Langosta da Guarda, a Feira do Viño do Rosal e as festas da Lamprea Seca e da Lamprea, ambas as dúas de Arbo. E da zona do Condado e A Paradanta, están a Festa do Requeixo e o Mel das Neves, a Feira do Xamón da Cañiza e a Festa do Viño do Condado do Tea de Salvaterra do Miño.

