martes, diciembre 9, 2025
InicioNewsA Xunta incrementa os apoios para a xestión da biomasa nas faixas...

A Xunta incrementa os apoios para a xestión da biomasa nas faixas que rodean aos núcleos «pese á negativa da Fegamp a asinar o convenio»

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Goberno autonómico manterá e consolidará o sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias (os 50 metros que rodean os núcleos de poboación) mediante un novo convenio de colaboración coa empresa pública Seaga, «malia a negativa da Comisión Executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) a sumarse a esta iniciativa, que de cara aos vindeiros anos inclúe máis orzamento e máis apoios para concellos e particulares», segundo indican dessde a adminsitración autonómica.

“É labor de todos ter os montes máis protexidos. A prevención é cousa de todos”, indicou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez. Nesta liña, o presidente, Alfonso Rueda, salientou a importancia de apoiar aos concellos “no obxectivo común de facer fincapé na limpeza das faixas secundaria, tan necesaria como vimos na vaga de lumes do verán”, indicou.

Rueda anunciou que a Xunta “vai destinar máis de 100 millóns de euros nos vindeiros catro anos a un novo convenio que permitirá duplicar o orzamento ao chegar aos 25 millóns ao ano”. En concreto, o Consello autorizou na súa reunión de hoxe a sinatura do novo convenio, cunha dotación total de 61,1 millóns de euros para o período 2026-2029. A este importe hai que sumarlle os 10 millóns anuais do Fondo de Limpeza de Faixas secundarias, o que implica ter un montante total anual de 25 millóns, o dobre que actualmente. Polo tanto, o investimento para manter este sistema superará os 100 millóns nos vindeiros catro anos.

Novidades e melloras

Ademais, o novo convenio incluirá diferentes novidades e melloras. “Haberá máis persoal e máis medios para realizar estas tarefas dun xeito paultado e planificado”, indicou a conselleira que explicou que se incrementarán as chamadas parroquias priorizadas – “ata as 276”-, nas que os veciños poderán contratar a Seaga para a limpeza dos seus predios como ata agora, por un prezo de 420 euros/hectárea; axilizaranse as execucións subsidiaras máis urxentes nas zonas identificadas de maior risco de incendio; prestarase un maior apoio aos concellos de menos de 10.000 habitantes para todas as actuacións (notificación, inspección, sanción e execución, de ser o caso) e impulsarase a creación de barreiras naturais nestas faixas coa plantación de frondosas, unha cuestión que xa se contemplaba anteriormente e que agora se reforzará.

Todo isto, a maiores das accións que xa se contemplaban ata o de agora, como é o labor de inspección das parcelas das faixas secundarias, as execucións subsidiarias nas faixas en ata 10 hectáreas identificadas polos concellos adheridos, ou actuacións de xestión de biomasa en ata 12 quilómetros de vías de titularidade municipal.

Neste sentido, o Goberno galego seguirá apoiando a concellos e propietarios nestas tarefas, malia a recente negativa da Fegamp de non aceptar o convenio, unha decisión que a Xunta de Galicia lamenta, pero que considera «non pode impedir o desenvolvemento dos obxectivos a prol da prevención e defensa fronte o lume nas proximidades de zonas habitadas».

Desde a Xunta de Galicia indian que «debe terse en conta que a Fegamp non asume no convenio compromisos concretos de xestión, achega orzamentaria ou realización material de actuacións, dada a súa natureza e ausencia de competencias na materia, limitándose a súa participación ata o de agora vixente á súa presenza na comisión de seguimento e como mera interlocutora ao servir de canle para que os concellos puideran formular calquera cuestión á comisión de seguimento, aspectos que evidentemente non resultan esenciais e poden ser abordados doutro xeito máis directo. Malia todo, a Fegamp poderá sumarse a este convenio cando queira se finalmente así o decide».

Neste contexto, a administración autonómica indica, nun comunicado, que a «continuidade do sistema público resulta especialmente importante por razóns de interese xeral, e especialmente tendo en conta as circunstancias acaecidas neste verán do ano 2025. Neste sentido, a pronta posta en marcha das actuacións necesarias para o ano 2026 aconsella a formalización inmediata deste convenio, o que afondará en ofrecer un marco de seguridade xurídica e de planificación. Así, resulta especialmente oportuna a previsión de incrementar a duración deste convenio, que pasa a ser de catro anos, o que favorecerá a estabilidade do persoal dedicado a estas tarefas e permitirá a imprescindible planificación plurianual das actuación e contratacións».

Obrigas e antecedentes dos apoios

Rueda lembrou que a obriga de xestión da biomasa corresponde ás persoas titulares do dereito de aproveitamento sobre as parcelas incluídas nesas faixas, e compete ás entidades locais a inspección e control do cumprimento desa obrigas. Polo tanto, no suposto de incumprimento, é competencia municipal lembrar aos titulares a súa obriga legal de xestión da biomasa; conceder un prazo para facelo; advertir de que, en caso de persistencia no incumprimento, poderanse impoñer multas coercitivas; ou ben proceder á execución subsidiaria por parte da Administración, con repercusión dos costes.

Para axudar os concellos a cumprir coas súas obrigas, a Xunta puxo en marcha este convenio, asinado por primeira vez en agosto de 2018 entre a propia Administración Autonómica, a Fegamp e Seaga. Este acordo permitiu o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias, co obxecto de dispor dun instrumento para a cooperación, cos concellos que voluntariamente se adheriron, na xestión da prevención de incendios nas denominadas faixas secundarias de xestión da biomasa. Rueda salientou que actualmente “están adheridos un total de 291 concellos, o 93% dos municipios galegos”. Deles, 268 aprobaron o seu plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Cara ao vindeiro convenio e ante a falta de acordo, polo momento da Fegamp, “a Xunta vaille ofrecer a cada concello de xeito individual a posibilidade de adherirse”, indicou o presidente autonómico.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS