A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia tres ordes de axudas co obxectivo común de fomentar o equilibrio e a convivencia entre a fauna silvestre e aquelas actividades humanas coas que convive no territorio.
En concreto, a primeira delas vai destinada a compensar os danos causados polo xabaril tanto en explotacións profesionais como en terras de cultivo agrario dedicadas ao autoconsumo, cun máximo de 2.750 euros por beneficiario. O orzamento inicial co que se convocan estas achegas é de 1.405.832 euros aínda que cabe a posibilidade de reforzalo en función do crédito dispoñible.
Neste caso, as axudas poderán solicitarse para cubrir os danos producidos polo xabaril en cultivos agrícolas comunicados a través do teléfono 012 entre o 11 de outubro deste ano e o 10 de outubro de 2026.
Así mesmo, a segunda liña de apoios publicada no DOG vai dirixida aos titulares de colmeas, de gando ou de rolos de herba prexudicados por ataques de osos pardos . Dotada para o ano que vén de 135.000 euros, a finalidade é fomentar a coexistencia dunha especie silvestre en perigo de extinción coas actividades agrogandeiras das zonas oseiras da Comunidade, para o cal se concederán compensacións económicas en función dos baremos fixados no Anexo que figura na propia orde.
Tanto no caso das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril como no das compensacións derivadas de ataques de osos, as solicitudes poderán presentarse a partir de mañá e preferiblemente por vía electrónica.
Terreos e hábitats cinexéticos
Por último, os titulares de terreos cinexéticos ordenados (Tecores) poderán acollerse un ano máis á convocatoria das axudas da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para financiar actuacións e pequenas obras nos terreos que xestionan. Cun orzamento de 270.000 euros para o ano 2026, pon á disposición dos interesados dúas subliñas en función do tipo de actuación que queiran subvencionar.
Por un lado, haberá apoios para mellorar os hábitats cinexéticos mediante labores de roza e trituración do mato ou fertilización e sementeira de cereal, entre outras (cunha partida reservada neste caso de 150.000 euros e un límite de 10.000 euros por achega) e por outro, daranse axudas dirixidas á construción de tobeiras artificiais (120.000 euros asignados a esta subliña cun máximo de 6.000 euros por subvención).
O prazo de solicitudes será dun mes a contar a partir de mañá e neste caso concreto, a única vía para poder presentala será por medios electrónicos, a través del formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

