jueves, noviembre 27, 2025
InicioNewsComarcasA cantante Soraya protagoniza o acendido do Nadal no Porriño cun concerto...

A cantante Soraya protagoniza o acendido do Nadal no Porriño cun concerto gratuito

O Porriño vivirá mañá unha das xornadas máis especiais do ano cunha gran festa de benvida ao Nadal, na que a música e a iluminación serán as dúas grandes  protagonistas. O acto central será o acendido do alumeado, previsto para as 20.15 horas na Praza do  Concello, e que marcará o inicio dunha programación chea de emoción e espírito festivo que se dará a coñecer máis polo miúdo nos vindeiros días, segundo indican desde o Concello.

Cando?  

Os eventos comezarán ás 18.30 horas coa representación do contacontos interactivo de Lalá Teatro “Un conto de Nadal”. O momento máis simbólico chegará co acto do acendido que, un ano máis, suporá un xesto especialmente emotivo e inclusivo ao seren un grupo de usuarios de Aceesca, Afaga, Vide e centros  de día do municipio os encargados de premer o botón que iluminará o Nadal. Farano ao carón do teito de luces de 30 metros de lonxitude, 7 de alto e 8 de ancho, composto de 75.000 microleds, que ofrecerá  todos os días un espectáculo sincronizado de luces e son, unha das grandes novidades decorativa deste  ano. Son un total 157 arcos luminosos, 2.176 elementos decorativos, 990.422 unidades de led e unha  superficie total iluminada de 27.650,43 metros cadrados, distribuída polas rúas e prazas do centro urbano,  así como por diferentes puntos singulares de tódalas parroquias do municipio.  

A festa continuará co concerto “Voces do Porriño” protagonizado por distintos artistas locais coa estrea da panxoliña “O Nadal no Porriño” que traerá consigo varias sorpresas.  

Concerto de Soraya no Porriño

Soraya dará continuidade a esta noite máxica, subíndose ao escenario para ofrecer un espectáculo cheo de enerxía, música e ambiente festivo a partir das 21.30 horas. E como broche de ouro, sesión DJ dende  ás 22.30 horas.  

O alcalde Alejandro Lorenzo destaca que “este acendido é moito máis ca un acto oficial, é unha festa de  benvida a unhas datas moi especiais e un momento para compartir xuntos. Queremos que o Nadal no  Porriño sexa participativo, inclusivo e cheo de vida. Será o comezo dunha programación extensa e  ilusionante que temos preparada para este Nadal. Queda moito por diante e animamos a todos os veciños  e veciñas, maiores e pequenos, a participar e desfrutar de todas as actividades que se celebran a partir de  mañá”. 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS