A Asociación de Periodistas de Galicia (APG) vén de emitir un comunicado no que indica que se suma «á condena da Asociación Profesional de Fotoxornalistas de Galicia (APFG) contra o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, polos seus ataques contra un fotógrafo de prensa durante un pleno municipal no Concello ourensán, este pasado luns, 24 de novembro».
O colectivo galego de fotoxornalistas, que reúne a máis dun centenar de profesionais, denuncia que Pérez Jácome «increpou ao fotógrafo polo tempo que se tomaba para realizar o seu traballo», o que considera «unha falta de respecto», non só para o fotógrafo vítima dos ataques do alcalde, senón «tamén para todo o oficio». Ademais, a APFG censura que o rexedor empregara o termo «paparazzi» ao referirse a ese profesional gráfico, posto que o interpreta como «un cualificativo con clara intención de desprezo«.
A Asociación de Periodistas de Galicia, que xa denunciou en varias ocasións ao alcalde ourensán por descualificacións, plantes e ataques contra os profesionais da información na capital das burgas, concorda coa APFG en que Pérez Jácome «debe pedir desculpas públicas».

