miércoles, noviembre 26, 2025
InicioNewsComarcasAs traballadoras do SAF durmen de novo no Concello de Ponteareas e...

As traballadoras do SAF durmen de novo no Concello de Ponteareas e o goberno suspende o pleno

Dous meses en folga indefinida. Despois de case 60 días nos que as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Ponteareas dixeron «basta» ás «pésimas condicións de traballo» que lle ofrece a empresa concesionaria Óbolo, o conflicto laboral continúa encallado. De feito, durante a celebración do pleno ordinario do mes de novembro, os grupos da oposición (BNG, PSOE e Ponteareas en Común) pediron adiantar a orde do día co obxectivo de tratar a súa problemática, pero a alcaldesa, Nava Castro, denegou esa petición.

Foi entón cando os concelleiros e as concelleiras do Bloque Nacionalista Galego, do Partido Socialista e de Ponteareas en Común plantáronse, xunto cunha decena de traballadoras, diante da mesa de presidencia do pleno para reclamar «unha solución» para o Servizo de Axuda no Fogar do municipio. O grupo de goberno (PP, Acip e Independentes de Ponteareas) decidiu celebrar a sesión a porta pechada, pero, finalmente, as protestas dos edís e das propias traballadoras do SAF obrigaron a suspendela definitivamente.

Así, o grupo de goberno abandonou a casa consistorial entre reproches e berros das traballadoras do SAF con alusións claras á alcaldesa, Nava Castro, e ao concelleiro que se encarga da negociación, o concelleiro de Facenda, Francisco Jesús Represas. De feito, un dos puntos que se ían a tratar este 25 de novemebro era a aprobación definitiva dos orzamentos do 2026. Haberá que agardar pola acta para saber se as contas obtiveron o «ok» definitivo, posto que, de debatirse, tivo lugar a porta pechada.

Mentres se celebraba o pleno a porta pechada vivironse momentos de tensión entre os concelleiros do grupo de goberno e os da oposición. BNG, PSOE e PeC reprochaban que o grupo de goberno non quixera solucionar a situación das traballadoras.

«Non imos a marchar mañá»

Neste contexto, as traballadoras do SAF de Ponteareas anunciaron que durmirán, de novo, no Concello tal e como fixeron hai un mes. Con todo, avisaron que «desta vez non imos a marchar mañá». Segundo puido saber o equipo de informativos de Si Radio, as forzas e corpos de seguridade non teñen, polo de agora, orde de desaloxo.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS