A Xunta de Goberno Local do Concello de Mos aprobou hoxe o Convenio de colaboración entre o Concello de Mos e o Real Club Celta de Vigo, S.A.D. destinado á execución do novo sistema xeral de abastecemento de auga que conectará o ámbito do Proxecto de Interese Autonómico Factoría do Deporte Galego – Galicia Sports 360 coa condución xeral do Louro.
O acordo permitirá avanzar nunha infraestrutura clave para garantir o subministro e o correcto funcionamento do complexo deportivo impulsado polo Real Club Celta de Vigo no municipio. O convenio regula a cooperación técnica e administrativa entre ambas as partes para a proxección, execución e financiamento do novo sistema xeral de condución, que incluirá unha tubaxe de 6 km, bombeos intermedios e un depósito regulador de 1.500 m³ no Coto dos Mosquitos.
A Sociedade Anónima Deportiva asumirá a totalidade dos custos das obras, incluíndo redacción do proxecto, contratación, execución e expropiacións necesarias, mentres que o Concello de Mos será o encargado da supervisión técnica, da posta á disposición dos terreos municipais afectados e da recepción e explotación posterior da infraestrutura, «que pasará a ser de titularidade municipal», segundo indican desde o Concello.
A alcaldesa, Nidia Arévalo, asegurou que «a aprobación deste convenio é un paso decisivo para avanzar nun proxecto estratéxico para Mos e para Galicia, garantindo unha infraestrutura hidráulica moderna, segura e sostible que dará servizo tanto á Factoría do Deporte como á contorna».
O convenio terá unha vixencia inicial de catro anos, prorrogable ata un máximo de oito, e inclúe a creación dunha comisión de seguimento paritaria para garantir o cumprimento dos compromisos adquiridos.

