lunes, noviembre 17, 2025
InicioNewsExixen ao Ministerio de Transportes que abra unha investigación sobre o descarrilamento...

Exixen ao Ministerio de Transportes que abra unha investigación sobre o descarrilamento do tren nas Neves

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar iniciativas para reclamar ao Goberno do Estado a máxima “transparencia, rigor e medidas urxentes” ante o descarrilamento do tren de mercadorías producido o pasado 15 de novembro no termo municipal das Neves. O deputado do BNG, Néstor Rego, require a Transportes abrir unha investigación para coñecer as causas do accidente, en que resultou ferido o condutor.

O suceso tivo lugar pouco antes das sete e media da tarde, nas inmediacións do apeadeiro da estación, cando un tren composto por dezasete vagóns e unha cabeza tractora que transportaba bobinas saíu da vía por motivos «que, a día de hoxe, continúan sen se coñecer», segundo indican os nacionalistas. No interior da locomotora viaxaba unicamente o maquinista, que resultou ferido e tivo que ser excarcerado polos bombeiros de Ponteareas e atendido polos servizos sanitarios no propio lugar do accidente.

A pesar de que algunhas informacións apuntan a un posible derrubamento e ás adversas condicións climatolóxicas, o BNG considera imprescindible «unha investigación exhaustiva que esclareza o sucedido e, se se confirmaren fallos estruturais, implique a revisión dos noiros e demais elementos de seguridade para evitar novos incidentes».

Como consecuencia do descarrilamento, os vagóns permanecen espallados pola vía, obrigando ao corte total da liña do Miño entre Vigo e Ourense e desprazando o tráfico ferroviario á estrada, con importantes afeccións para a cidadanía.

Coñecer as causas con total transparencia: abrir unha investigación

Neste contexto, o BNG demanda ao Goberno que informe con claridade e de inmediato sobre as causas do descarrilamento do tren de mercadorías e, se non se coñecer, que “abra unha investigación exhaustiva e independente para determinar con precisión as causas do accidente”. “Debe ofrecer información actualizada e detallada sobre o estado de saúde do maquinista ferido” reclama Rego.

Por outra parte, o deputado nacionalista demanda explicar durante canto tempo permanecerá cortada a liña do Miño entre Vigo e Ourense e que medidas adoptará para minimizar o impacto sobre as persoas usuarias.

“Débese proceder á retirada o antes posible dos vagóns espallados pola vía e á recuperación da normalidade na infraestrutura afectada e, do mesmo xeito, detallar o dispositivo habilitado para garantir a mobilidade, os servizos afectados e a cobertura completa mediante transporte alternativo por estrada” sinala Rego, que demanda coñecer a data que manexa o Ministerio para que a liña volva esta operativa.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS