lunes, noviembre 17, 2025
InicioNewsA Xunta declara Ben de Interese Cultural o Castro de San Cibrao...

A Xunta declara Ben de Interese Cultural o Castro de San Cibrao de Las, en Ourense

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello declarou esta mañá ben de interese cultural o Castro de San Cibrao de Las, situado no termos municipais ourensáns de San Amaro e Punxín. “Trátase dun dos xacementos arqueolóxicos máis sobranceiros e visitados de Galicia e dos máis importantes desde o punto de vista cultural e histórico”, indicou.

A declaración, que se fará oficial nos vindeiros días coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia, valora este enclave como un elemento crucial no coñecemento da Idade do Ferro, especialmente na súa fase final e inicio do período romano, polo que se considera a necesaria protección para garantir a súa conservación e proxección cara ás futuras xeracións.

Ademais, tal e como resaltou Rueda, o expediente destaca o seu bo estado de conservación, cun 15 % da extensión do poboado xa escavado e musealizado. Neste senso, o informe recolle as sucesivas intervencións que permitiron sacar á luz numerosas estruturas, tanto habitacionais como doutro tipo (murallas, rúas, portas monumentais ou alxibes, entre outras). Ademais, tamén se acharon materiais arqueolóxicos (pezas cerámicas, líticas, obxectos de vidro de uso doméstico, restos metálicos ou moedas) de grande importancia para a investigación e a divulgación, de maneira que constitúen un valioso recurso patrimonial. Deste xeito, tamén se fai fincapé na excelente preservación da súa integridade, sen que se vise afectada substancialmente a súa morfoloxía ao longo dos varios séculos de historia.

Cómpre destacar que esta singularidade foi a que fixo que a Xunta o escollese para crear o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, un centro de interpretación inaugurado no 2014 para difundir este coñecemento entre a poboación. De feito, como resultado disto conseguiuse a consolidación dos restos exhumados e a creación dun lugar histórico amplamente investigado, musealizado e protexido, sendo un dos xacementos arqueolóxicos máis visitados de Galicia.

Con esta declaración, agora mesmo “están rexistrados 793 bens de interese cultural” no territorio, segundo indicou o presidente galego, Alfonso Rueda.

Construción planificada

O Castro de San Cibrao de Las, situado a 20 quilómetros da cidade de Ourense, foi considerado tradicionalmente como un oppidum ou poboado prehistórico do cambio de Era. Nas intervencións máis recentes ampliase a súa ocupación como castro entre os séculos II a. C. e II d. C, e documéntanse indicios da existencia doutras fases no xacemento arqueolóxico ata o derrube da muralla e abandono definitivo no século XI d.C.

Así, tras as diversas intervencións arqueolóxicas que se veñen desenvolvendo desde inicios do século XX descríbese o ben como un espazo elevado que conta con dous recintos ovalados e concéntricos. Desta maneira, considerase que exemplifica unha construción planificada e organizada, con rúas pavimentadas, sistemas de canalización de auga, vivendas complexas con estruturas arredor dun patio central e agrupadas en barrios.

Polo tanto, San Cibrao de Las conta coa presenza dunha variada tipoloxía de elementos do patrimonio histórico, arqueolóxico e natural que avalan o seu potencial como recurso científico de primeira magnitude, e a súa relevancia e valor cultural singular.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS