jueves, noviembre 13, 2025
InicioNewsComarcasA Fiscalía abre unha investigación sobre asirregularidades na xestión do SAF de...

A Fiscalía abre unha investigación sobre asirregularidades na xestión do SAF de Ponteareas

A Fiscalía da área de Vigo, a través do seu máximo responsable, vén de comunicar a apertura de dilixencias de investigación penal sobre os incumprimentos da normativa vixente por parte da empresa concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Ponteareas denunciados pola CIG diante da Inspección de Servizos Sociais. Así o vén de comunicar o sindicato nacionalista nun comunciado no que indican que «no escrito asinado polo fiscal xefe requíreselle tamén ao Goberno local que faga entrega da documentación e dos trámites seguidos tras os escritos remitidos pola representación sindical sobre irregularidades na execución do contrato».

A decisión chega despois de que a CIG lle remitise á Fiscalía copia da denuncia dirixida á Inspección de Servizos Sociais, dependente da Secretaría Xeral Técnica de Política Social, polos incumprimentos da empresa Óbolo e do propio Concello de Ponteareas, «considerando que podería terse cometido un delito de prevaricación administrativa por parte da Administración local e do concelleiro responsable». Xa que a pesar de recibir denuncia até en dúas ocasións sobre a situación do SAF, a representación sindical non recibiu contestación nin consta actuación administrativa algunha ao respecto.

Dende a central valoran a iniciativa da Fiscalía e lembran que o Goberno local non actuou fronte ás denuncias previas das traballadoras, “chegando incluso unha vez convocada a folga a negar que se estivesen a incumprir as condicións esenciais do contrato”. Polo que se negou a iniciar un expediente sancionador ou de resolución de contrato, “utilizando a partir dese momento mesmo persoal propio e provedores do Concello para intentar corrixir os incumprimentos (aportando programa informático, mobiliario, material hixiénico, equipamento da residencia municipal, teléfonos móbiles e roupa de traballo)”. 

De feito, «non levou ao pleno municipal a apertura dun expediente sancionador até o pasado 28 de outubro, case tres meses despois de ter constancia dos feitos e transcorridos xa 32 días da folga indefinida que a día de hoxe mantén o cadro de persoal».

Por todo insto, a CIG insta o Goberno local a solucionar “dunha vez por todas” unha situación “de tal gravidade que mesmo Fiscalía considera oportuno a apertura de dilixencias de investigación penal, insistindo na necesidade de proceder á resolución do contrato coa actual concesionaria do SAF».  

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS