O maxistrado do Xulgado do Penal número 3 da Coruña condena ao pagamento dunha multa de 2.100 euros a un home que foi interceptado con 227 quilos de ourizos recén extraídos na praia do Pedrido (Bergondo), sen contar con autorización para a súa explotación. O xuíz considérao autor dun delito de marisqueo ilegal, polo que tamén o inhabilita para mariscar durante tres anos.
Na sentenza, o titular do Xulgado do Penal número 3 da Coruña indica que o acusado, xunto cunha terceira persoa non identificada coa que, previamente, se puxo de acordo, “colaborou activamente na extracción de ourizos de mar, contravindo as máis elementais normas reguladoras da actividade”.
Cando?
No relato de feitos probados da resolución, sinala que, sobre as 19:45 do 26 de abril de 2023, o sospeitoso atopábase cun automóbil tipo pick-up na zona da praia do Pedrido e, cando unha planadora se aproximou á costa, “conduciu a toda velocidade ata a rampla por onde se accede á auga coas embarcacións e cargou, na parte traseira do coche, un total de seis salabardos e cinco capachos de plástico cheos de ourizos de mar que se atopaban recentemente extraídos e vivos”.
O acusado foi interceptado por axentes da Garda Civil na estrada de acceso á praia cos 227 quilos de ourizos, que foron inmediatamente sementados para evitar a súa morte. A mercadoría alcanzaría no mercado un prezo de 2.560 euros, segundo sinala o xuíz no fallo.
Sen permiso
O maxistrado, ademais, salienta que carecía de calquera permiso que lle habilitase para a explotación a pé de ourizos. A iso engade que, aínda que é armador dunha embarcación, esta carece de permiso de explotación para ourizos e, en calquera caso, destaca que, segundo o plan conxunto das confrarías da Coruña e Barallobre, o tope de captura para cada mergullador enrolado nunha embarcación autorizada para a extracción deste recurso sería de 80 quilos ao día.
A actividade levada a cabo polo condenado, segundo consta na sentenza, “supón esquilmar os recursos marisqueiros e repercute na estabilidade, o mantemento e a correcta xestión do recurso, contravindo a Lei 11/2008 do 3 de decembro de Galicia e o Decreto 153/2019 do 21 de novembro polo que se regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e de algas”.
A sentenza non é firme, pois é recorrible ante a Audiencia Provincial da Coruña.

