O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, clausurou esta mañá a xornada ‘Turismo intelixente: ferramentas de IA para a transformación do sector’ que reuniu en Ponteareas a representantes da actividade turística de Galicia. Xosé Merelles destacou que o seu departamento está ultimando a licitación da nova web de Turismo de Galicia que “utilizará a intelixencia artificial no seu obxectivo de integrar as tecnoloxías avanzadas para mellorar a definición da oferta e a experiencia turística”.
Segundo explicou o director de Turismo, a aposta pola intelixencia turística e a transformación dixital ven recollida na Estratexia de Turismo 2030 da Xunta de Galicia que destaca sobre todo o seu potencial para optimizar a xestión de recursos, controlar os fluxos turísticos e apoiar a toma de decisións baseada en datos.
Observatorio de Sostibilidade Turística
Unha das medidas céntrase precisamente na creación dun espazo de datos turísticos en Galicia, co emprego de técnicas de big data e IA, “que se están a estruturar a través do Observatorio de Sostibilidade Turística”, salientou Xosé Merelles. No marco desta iniciativa “desenvolveuse xa o novo cadro de mando de datos turísticos, unha ferramenta de monitorización do destino que analiza os principais indicadores sobre demanda turística e rendibilidade económica”.
O director de Turismo de Galicia mencionou outros proxectos do seu departamento relacionados coa intelixencia e dixitalización turística, como o sistema de monitorización de datos SIMADA, no que colabora co Clúster de Turismo de Galicia, unha ferramenta gratuíta para empresas de aloxamento, que proporciona datos sobre ocupación e prezos; ou a instalación de sensores de medición no Camiño de Santiago para a toma de decisións baseada en datos.
Programa Turismo Intelixente
O programa formativo ‘Turismo intelixente: ferramentas de IA para a transformación do sector’ está organizado polo Clúster de Turismo, en colaboración con Turismo de Galicia. A iniciativa tentou achegar as posibilidades da intelixencia artificial á industria turística galega, e afondar no uso no mundo real de ferramentas dixitais e IA aplicadas ao turismo, en áreas como o márketing, a comunicación e a automatización de procesos.

