O Partido Popular de Galicia esixe a «dimisión inmediata» da ministra de Igualdade, Ana Redondo, logo da “inadmisible neglixencia” que supón o novo fallo producido onte nas pulseiras antimaltrato e que “deixou ás vítimas de violencia de xénero incomunicadas durante horas”.
“Cando deberían estar recibindo información a tempo real sobre o seu agresor, o único que vían nas pantallas dos seus dispositivos era unha mensaxe que dicía ‘comunicación non dispoñible’”, explica a secretaria xeral Paula Prado ao tempo que subliña que “estes fallos son inadmisibles na medida estas pulseiras non son só un dispositivo electrónico, senón tamén unha ferramenta que protexe ás vítimas do seu agresor e as priva de sentir medo”.
A número dous dos populares galegos considera “máis intolerable aínda” que a máxima responsable do Ministerio de Igualdade, Ana Redondo, que “debería velar por que isto non sucedera”, siga manténdose no cargo “a pesar de estar reprobada xa polos fallos producidos con anterioridade nestes dispositivos”.
Crísticas ao BNG
“Este non é un caso illado”, subliña Paula Prado criticando que o Goberno central se teña convertido “no máis lesivo para os dereitos das mulleres da historia da España”. Neste sentido recorda que Pedro Sánchez e o PSOE “serán recordados por ter sacado do cárcere a violadores e por estar máis próximos ao consumo que á abolición da prostitución”.
Por iso desde o PPdeG pedirán a dimisión inmediata da ministra tanto no próximo Pleno do Parlamento de Galicia como a través de iniciativas que levarán tamén aos concellos galegos. Unha esixencia de responsabilidades ante esta “neglixencia” que tamén fan extensiva a un BNG que, consideran, ten que “deixar de ser tan bravo en Galicia e tan manso en Madrid”.

